13/08/12

IRPF e roubo da paga extra: o Comité de Empresa solicitou a regularización das cotizacións

É posíble que as persoas autoras do roubo da nosa paga extraordinaria de decembro non previsen algunhas das consecuencias do seu delito; concretamente, o desfase temporal que esta situación provocará no Tesouro, xa que os ingresos por retencións de todo o persoal ao servizo das Administracións públicas diminuirán con respecto aos actuais polo menos dous meses antes de que obteñan o botín da nosa paga de decembro. Como, ao advertir a situación, poden ter a tentación de tapar o burato atrasando ata o mesmo mes de decembro a regularización das nosas retencións, o Comité de Empresa, por inicitiva da CIG solicitou  por rexistro que o Concello dite coa maior brevidade as instrucións precisas para os efectos de que se proceda de inmediato ou, a máis tardar, na nómina do mes de outubro de 2012, á regularización do tipo de retención a conta do IRPF que se lle vén aplicando ao persoal laboral, no caso de que neste Concello haxa unha aplicación efectiva do artigo 2 do Decreto 20/2012. Hai que ter en conta ao respecto que, se na nómina de outubro non se tivese producido a regularización do tipo de retención, os traballadores teriamos dereito a interpoñer reclamacións económico-administrativas contra as retencións practicadas, por excesivas, e a instar a rectificación das autoliquidacións (modelo 111) nas que estas se tivesen ingresado. A lea sería histórica.

Certo é que nas últimas semanas fálase da posibilidade de que se cobre a paga extra "doutro xeito", mesmo na prensa aparece que hai Concellos que lla pagarán igualmente aos seus traballadores. No Concello de Betanzos, na última Mesa Xeral de Negociación, o Concello informou que falaría cos servizos económicos para preguntar por algunha alternativa e, o BNG, que convocou a todos os representantes dos traballadores na semana pasada, indicounos que levará ao próximo Pleno a iniciativa para propor que nos paguen a devandita paga extra. Sexa o que for, está claro, á vista do que está a pasar, que como tantas outras cuestións este é un tema de vontade política e nos vindeiros meses os feitos demostrarán se a defensa dos traballadores públicos é só cara o escaparate ou hai unha vontade real de frear os ataques que está a sufrir o emprego público nunha carreira imparable cara á privatización das Administracións públicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario