As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSI-F compareceron
este luns para anunciar o inicio de accións legais conxuntas para
reclamar a paga extra do ano 2012. A Área Pública da CIG subliña
que actuará en todos os ámbitos nos que teña capacidade legal e
agarda que coas accións xudiciais que se poñen en marcha en Galiza,
tanto para o persoal laboral como funcionario, os gobernos
central e galego “tomen nota e rectifiquen canto antes repoñendo o
dereito constitucional de todas as traballadoras e traballadores a
recibiren a paga extra”
A Área Pública da CIG considera que os gobernos non deberían
agardar a que os distintos xulgados ou organismos xudiciais vaian
ditando sentenzas favorábeis nos distintos ámbitos no que se teñen
que facer reclamacións.
Na rolda de prensa, as/os representantes sindicais das
organizacións con presenza na Mesa Xeral de Negociación de todo o
persoal da Xunta de Galiza, explicaron que o persoal laboral ten un
ano para presentar as reclamacións por cantidades. En todo caso,
subliñouse que conta co instrumento do Conflito Colectivo, que
permite reclamar para todo o colectivo afectado e concede
lexitimación para actuar aos sindicatos.
Por iso, e para utilizar a fondo todos os instrumentos posíbeis,
anunciaron a presentación de conflito colectivo no ámbito do V
Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, salientando que neste
momento existe xa a providencia da Sala da Audiencia Nacional
onde valora a posíbel inconstitucionalidade da Lei 20/2012 e unha
sentenza da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid na que se
repón parte da paga extra. “Esa non é a sentenza que nós
queremos, pero supón en todo caso un avance”, avaliou María Carme
López Santamariña, portavoz da Área Pública da CIG.
No resto dos ámbitos estarán á espera de ver como van
evolucionando as cousas en función dos pronunciamentos xudiciais que
se vaian obtendo.
Máis
complicado para o persoal funcionario
Para o persoal funcionario e estatutario a situación é moito
máis complicada e os prazos máis longos, xa que se poden presentar
reclamacións por un período de 5 anos. Porén, sinalaron que “os
sindicatos non temos lexitimación para actuar en nome dos empregados
e empregadas en reclamacións por cantidades. Isto pode facer que
calquera acción desenvolta polas organizacións sindicais podería
resultar non admitida por falta de lexitimación para actuar en nome
dos recorrentes”.
Xunto a isto explicaron que están, por unha banda, os problemas
das costas, que poden significar un grave castigo para o recorrente
no caso de non ver aceptada a súa reclamación e, pola outra, o
problema de que calquera reclamación terá efectos xeneralizábeis
só para o ámbito territorial da sala que se pronuncie.
Por iso acordaron interpor demandas referidas a persoal
funcionario da Xunta, SERGAS e Ensino nos distintos ámbitos. Serán
presentadas, a título persoal, por representantes das catro
organizacións sindicais, das que se fará constar a súa condición
na presentación da demanda. Neste caso, primeiro presentarase unha
reclamación previa e, esgotada a vía administrativa, irase ao
contencioso. Intentarán que unha vez haxa unha sentenza favorábel,
esta se estenda ao conxunto do persoal.
López Santamariña explica que a CIG, ausente da plataforma
estatal, “adherirase aos conflitos colectivos que se vaian
presentando e nos que teñamos presenza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario