12/02/13

Centos de delegados/as da CIG mobilízanse contra os Orzamentos da Xunta e na defensa da negociación colectiva

Suso Seixo adiantou a posibilidade de convocar unha xornada de loita en abril e unha folga xeral en defensa dos convenios

Centos de delegados/as da CIG mobilizáronse nas sete cidades do país para rexeitar o “carácter antisocial” dos Orzamentos da Xunta de Galiza e en defensa da negociación colectiva como ferramenta para mellorar as condicións laborais. As protestas, que incluíron manifestacións, concentracións e peches en distintos edificios públicos, estiveron precedidas de asembleas nas que os representantes sindicais analizaron as contas públicas e os intentos de desmantelar a negociación colectiva.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, -que participou na mobilización da Vigo- aproveitou a asemblea de delegados/as para expoñer os motivos que levaron á central nacionalista a rexeitar os Orzamentos da Xunta para 2013, cifrados en 9.479 millóns de euros.

Seixo explicou que a importante redución que experimentaron dende o ano 2009 (de preto de 2.300 millóns) amosan ás claras a nula vontade do PP de reactivar a economía incrementando o investimento público.

“As contas públicas amosan as políticas do PP, unhas políticas que fan que en Galiza se superen nestes momentos os 300.000 parados, sen contar a xente que están en ERE ou os milleiros de mozos e mozas que teñen que emigrar”,incidiu.

Criticou que o Goberno galego siga a recorrer ao endebedamento, que esta ano se sitúa nos 1.475 millóns, dos que boa parte son para pagar os xuros. “Están a engordar os banqueiros mentres inciden nos recortes e na precarización dos servizos sociais”, censurou. Neste senso, denunciou que a Xunta aposta tamén no incremento dos impostos indirectos, como o IVE, “ao tempo que se nega a subirlle os impostos directos ao capital, á banca, e ás grandes empresas”.

O máximo responsábel da CIG lembrou que os ingresos vía impostos indirectos están a reducirse considerablemente porque os salarios son cada vez máis baixos e a taxa de paro non fai máis que medrar. “Como non ingresan por esta vía reducen o investimento público, o que fai que se entre nun círculo vicioso sen saída”.

Fronte a isto, Seixo aposta por aumentar o gasto público, subir os impostos directos e eliminar a fraude fiscal, ademais de crear unha banca pública que achegue financiamento a familias e pequenas e medianas empresas. “É preciso incrementar os salarios para que medre o consumo e se reactive a economía”.

Defensa da negociación colectiva

No que respecta á negociación colectiva, o secretario xeral da CIG lembrou que se trata dunha ferramenta fundamental para mellorar as condicións laborais. Neste senso, acusou á patronal de presionar ao Goberno para lograr que se lle dea prioridade aos convenios de empresa por enriba dos sectoriais, cando até o de agora non se podía pactar convenios por debaixo dos do sector).

“Tamén está a cuestión da ultractividade, polo que se a partir dun ano non se negociou un novo convenio vaise ao Estatuto dos Traballadores e ao Salario Mínimo Interprofesional”. Segundo denunciou, con estas modificacións pretenden unha redución de salarios dun 20-25%.

Diante disto, indicou que a CIG está intentando chegar a un acordo de mínimos con CCOO e UGT para que non se pacten convenios de empresa por debaixo dos sectoriais, que non se perdan convenios de sector de ámbito provincial e que se promovan os convenios de ámbito galego. “Non hai forma de que se comprometan, pero imos a seguir insistindo”.

Finalmente, adiantou que a central baralla convocar unha xornada de loita a finais de marzo ou a comezos de abril por todos os convenios que están sen negociar, xa que no mes de xullo quedarán sen vixencia. “Existe a posibilidade de que convoquemos incluso unha folga xeral en defensa da negociación colectiva”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario