08/02/13

Última información

Esta semana o concelleiro de Persoal recibiu ao Comité de Empresa que lle trasladou algunhas das inquedanzas que diversos traballadores lle fixeron chegar, nesta reunión informouse sobre varios temas entre eles algúns dos seguintes:

Axudas sociais 2012

As bases das últimas axudas sociais recollen que teñen que ser resoltas no primeiro trimestre do ano, e o Comité instou ao Concello a resolver este expediente canto antes e moito máis aínda tendo en conta que unha grande parte do persoal laboral do Concello de Betanzos non cobrou a paga extra. Por parte do Concello informaron de que que agardan pagar proximamente estas axudas e que lle pasarán a proposta aos representantes dos traballadores en breve, igualmente informou de que este ano a partida orzamentaria chega para cubrir todas as solicitudes realizadas e nun principio non haberá que facer deducións proporcionais como aconteceu o ano pasado.

O certo é que este tema en concreto foi fonte de múltiples conflitos no pasado, desde o coñecemento das contías por cada concepto a que tiñan dereito os traballadores que foi público por primeira vez grazas á CIG, ata o cobro das axudas sociais por parte da totalidade do persoal do Concello que foi unha reivindicación constante do novo Comité e que culminou en 2012 co recoñecemento do dereito ás axudas sociais do persoal subvencionado. Hai que lembrar que as axudas de 2010 se resolveron a finais de 2011 e que as do 2011 se resolveron bastante antes, non sen reticencias por parte do Concello, e que por fin os prazos e a convocatoria de resolución son públicos e deben cumprirse e no caso de non se facer así pódense tomar as medidas oportunas, isto non é máis que unha mostra de que este Concello traballa a marchas forzadas e se non hai ningunha forza que exerza presión nada se move mais que se os traballadores e traballadoras lle plantan cara e fan valer os seus dereitos á Administración non lle queda máis remedio que recuar antes ou despois e admitir os seus erros, tal e como xa ten feito.


Novo Regulamento

O Comité instou xa en varias ocasións por rexistro a negociar o novo regulamento e nesta reunión persoalmente indicoulle ao concelleiro a necesidade de non adiar máis esta negociación para logo utilizar como escusa que tampouco se podería aplicar en 2012. O Concello comprometeuse, unha vez máis, e a ver se esta é a de verdade, a convocar esta negociación, non obstante a escusa utilizada para demorar esta negociación é a falta dun informe da Asesoría xurídica, que xa comeza a ser demasiado recorrida nos últimos tempos.

Revisións médicas

Levamos un ano e medio preguntando por este tema e coa escusa de que se levaban sen facer dende hai catro anos demoráronse continuamente, non obstante, parece ser que nos vindeiros días comezarán a informar ao persoal sobre os prazos e xeito de inscrición para realizar as revisións médicas.

Salarios de tramitación adebedados

Logo de que a CIG se vise na obriga de presentar un recurso aos orzamentos recén aprobados, parece que o Concello deu a orde de comezar co trámite para pagarlle os salarios de tramitación adebedados aos seis traballadores despedidos de xeito improcedente hai case un ano. O certo é que é ben triste ter que ir ao xulgado para que o Concello se decida a cumprir unhas sentenzas mais o importante disto é que o Concello lle pague as débedas contraídas aos traballadores mencionados e parece que iso se producirá proximamente.

Documentación

Dende o Comité de Empresa tamén se lle lembrou ao Concello que ten moitas solicitudes de documentación pendentes, entre elas varios informes de horas extraordinarias, información sobre o tipo de contratos de todo o persoal laboral, documentación relativa ás axudas de custo e a salarios.

Relación de Postos de Traballo

Así mesmo, unha vez máis, os representantes dos traballadores trasladámoslle ao Concello a importancia de comezar a negociación dunha nova RPT e a nosa dispoñibilidade para o facer, lamentablemente, neste tema, ultimamente o Concello non parece estar moi interesado e vémoslle difícil solución inmediata pola escasa vontade amosada polo Goberno municipal especialmente nos últimos tempos con respecto a este tema.

Comité de Seguridade e Saúde

O Comité de Seguridade e Saúde non se chegou a constituír formalmente neste Concello, a pesar de que o Comité de Empresa xa hai máis dun ano que lle comunicou ao Concello os novos delegados de prevención, o certo é que este é un tema que xa leva máis tempo do desexable aparcado por iso o Comité instou ao Concello a que dunha vez por toda puxese en marcha esta organismo e se comezase a traballar pola mellora da saúde laboral nesta Administración. O certo é que este tema é moi importante, e po iso, dende a CIG instouse no propio Comité a que os delegados de prevención comecen a traballar sobre el de cara a achegar  propostas no momento en que se reúna o Comité de Seguridade e Saúde e ao longo deste ano agardamos tratar polo miúdo o tema da saúde laboral no Concello de cara a normalizar tamén a situación neste eido.










Ningún comentario:

Publicar un comentario