19/06/13

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que convoque con carácter de urxencia a Comisión Negociadora do convenio

O Comité de Empresa, por inciativa da CIG, logo de que o Concello de Betanzos leve cinco meses sen convocar a Comisión Negociadora do Convenio colectivo do persoal laboral e que, por tanto, a negociación estea paralizada, e ante a posibilidade de que o persoal laboral deste Concello quede sen convenio colectivo e a urxencia e necesidade dun marco legal claro para os traballadores do Concello de Betanzos con contrato laboral, solicitoulle con carácter de urxencia ao Concello que se retome a negociación do convenio do persoal laboral e se reúna a Comisión Negociadora do Convenio coa máxima brevidade e urxencia posible para intentar solventar esta situación.

Dende a CIG consideramos esta situación gravísima, posto que nuns meses haberá dous anos que o convenio foi denunciado e en todo este tempo o Concello de Betanzos non fixo máis que poñer atrancos na negociación e paralizala no momento en que houbo as primeiras queixas por parte dos representantes do funcionariado, para os que resulta incomprensible unha negociación de laborais na que non toman parte.

Á nula vontade negociadora do PSOE de Betanzos se lle xuntou a reforma laboral ideada polo PP para deixar sen efecto miles de convenios en todo o Estado e a millóns de traballadores sen a protección legal que ata o momento tiñan. A reforma laboral efectivamente foi un tema chave que debeu acelerar a negociación do convenio no momento en que se publicou, mais non é menos certo que xa daquela neste Concello poderiamos ter pechado un novo convenio porque xa había bastantes meses que fora denunciado e presentada a proposta de texto do Comité de Empresa, o Goberno local, pois, non quixo negociar daquela e agora os feitos indican en que pretende deixar aos laborais sen convenio colectivo.

O propio concelleiro de Persoal, logo de que o Comité lle preguntase de novo polo tema, dixo que para o mes volverá a haber negociacións, mais como xa son tantos meses escoitando o mesmo, o certo é que o tema comeza a cansar e xa non hai quen o crea. É obvio que o PSOE de Betanzos está tirando da corda ao máximo para deixar ao persoal laboral sen marco legal, logo alegar que o Estatuto Básico do Empregado Público non é de aplicación para os laborais cando non lle convén como ten defendido nalgún xuízo en anos pasados e baseándose en que deixa aos traballadores contra as cordas iniciar unha negociación de mínimos para reducirlle dereitos ao persoal laboral, e deixalos, unha vez máis como traballadores de segunda fronte aos funcionarios. Se esta non fose a súa verdadeira intención tivo tempo abondo para o demostrar e o único que demostrou foi un nulo interese por negociar un marco legal para os traballadores laborais do Concello de Betanzos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario