13/01/16

Este Concello é un barco á deriva: a situación na Escola Infantil agrávase e o goberno segue sen substituír a pesar de ter unhas listaxes novas conformadas

O venres pasado a situación na Escola Infantil Municipal acadaba límites máis indesexables que os constatados pola Inspección de Traballo hai uns meses cunha baixa máis, que facían un total de tres baixas non cubertas. A grave situación nin sequera puido ser posta en coñecemento de ningún concelleiro con dedicación exclusiva nin do alcalde porque os despachos estaban todas pechados. 

Nin concelleiros, nin alcalde, nin responsabilidade. O mesmo goberno que obrigou á traballadoras da Escola Infantil Municipal a un acordo forzoso para que non desfrutasen os días que lles correspondían como o resto do persoal para que a Escola non pechase no Nadal, é o que decide que as dedicacións exclusivas nin sequera deben facer quendas e poden faltar todos ás vez... iso chámase dar exemplo e igualdade de trato.

Pois ben, á vista de que non había nin o responsable de Persoal nin o alcade, nin mesmo o outro concelleiro con dedicación exclusiva e para que quedase constancia da gravísima situación da Escola, xa constatada hai meses pola Inspección de Familia e Menores e que na actualidade segue sen se solucionar, a presidenta do Comité decidiu deixar constancia por rexistro e solicitarlle ao Concello "que agora que a listaxe de substitucións de técnico/a de xardín de infancia se vai a elevar a definitiva cubra de inmediato todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións óptimas, que solucionen a situación de incumprimento da ratio legal advertida pola Inspección de Familia e Menores, tal e como se lle indicou a este órgano que sería no momento en que existisen unha listaxes de substitución actualizadas, e que teña constancia que a gravidade desta situación e as consecuencias que poidan vir derivadas delas vén exclusivamente dada pola decisión do Concello de Betanzos de non cubrir as baixas deste servizo, sobrecargar ás traballadoras que permanecen nel e sometelas a unha situación de irregularidade pola falta de persoal.

Así mesmo, o Comité de Empresa lembroulle que "a situación que se viña dando de incumprimento de ratio e imposibilidade de atendemento correcto e nas condicións óptimas dos/as nenos/as pola falta de persoal constatada pola Inspección de Familia e Menores en novembro de 2015 vén de se agravar cunha compañeira máis de baixa desde o xoves, o que fixo un total de tres baixas no cadro da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente". Indicoulle tamén que "a esta gravísima e delicada situación laboral das traballadoras que ese día estaban no centro únense as ausencias por permisos varios das traballadoras que os teñen concedidos, tal e como lles corresponde legalmente, supón que nunha mañá como a de venres tan só houbese tres traballadoras no centro, o que imposibilitaba claramente que poidan ser atendidos todos os nenos e nenas matriculados e que asisten a el".

Finalmente indicoulle que "debía quedar constancia que desde o momento que a Inspección citada xirou visita ao centro en data 04/11/15 e constatou que en distintas franxas horarias ao longo da xornada da escola se estaba a incumprir a ratio mínima de persoal, tal e como consta na acta de Inspección de Familia e Menores número 3369/2015, na que se fixo un requirimento ao concello para que leve a cabo as actuacións necesarias para a emenda das deficiencias observadas, a responsabilidade da situación e das consecuencias que desta se deriven é da Administración local que leva meses sen solucionar esta situación de completa e absoluta irregularidade, que se vén de agravar, aínda máis, con outra traballadora de baixa".

Desde a CIG queremos denunciar publicamente a actitude de pasividade que o goberno municipal ten mesmo logo de que a Inspección lle requirise solucionar a situación da Escola Infantil Municipal e o desleixo dun alcalde que parece que nin está nin o esperamos para solucionar os verdadeiros problemas que teñen lugar no día a día da vida laboral desta Administración local, onde moitas veces os traballadores e traballadoras públicas non temos nin a quen recorrer para solucionar os problemas derivados deste completo e absoluto desgoberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario