28/01/16

O comité de empresa acorda denunciar de novo ante a Inspección de Familia ao Concello de Betanzos se non cubre nos vindeiros días as baixas da Escola Infantil Municipal

A situación crítica motivada pola falta de persoal continúa dúas semanas despois de que o Comité alertase sobre o agravamento da situación con tres baixas e a imposibilidade das traballadoras de atender os/as nenos/as en condicións.

Tal e como advertiu o Comité a situación era mesmo peor que a que constatou en outubro a Inspección de Familia e Menores e sobre a que lle advertiu ao Concello que debía solucionar. O goberno municipal, logo desa advertencia e dun acordo plenario instado polos partidos da oposición iniciou o proceso de conformación dunhas novas listaxes resolto na actualidade.

Hai máis dunha semana o Concello anunciou publicamente a contratación de varias traballadoras para cubrir as baixas da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente, mais o anuncio simplemente era un lavado de cara porque a día de hoxe, cunha baixa máis, a situación empeorou de novo e o Concello non contratou a ninguén máis.

Esta grave situación foi tratada onte mesmo na reunión ordinaria do Comité de Empresa onde se acordou por unanimidade denunciar de novo ao Concello de Betanzos ante a Inspección de Familia e Menores se nos vindeiros días non adopta unha decisión para solucionar o problema de inmediato.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos completamente inaceptable a postura do goberno de facer caso omiso aos traballadores, á oposición e mais á propia Inspección da Xunta de Galicia e instámolo a que solucione de inmediato esta grave deficiencia que afecta tanto ás traballadoras como aos nenos e demostre con feitos, non con promesas a través da web municipal e a prensa, que ten vontade de solucionar os problemas derivados da súa pésima e que lle están a afectar dun xeito moi serio ao servizos prestados á cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario