Fernando Branco, encargado de
defendela, agradeceu o voto a favor dos grupos e anunciou que a
central vixiará que se preserve o seu contido no tramite
parlamentario
Todos os grupos parlamentarios
aprobaron, este martes, por unanimidade, a Iniciativa Lexislativa
Popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e
contra a pobreza enerxética promovida pola CIG. Un apoio que
agradeceu o representante da central sindical encargado de defendela,
Fernando Branco, quen, en todo caso, asegurou que o sindicato vixiará
o trámite parlamentario que seguirá a Iniciativa, para garantir que
o seu contido se manteña.
Na defensa da ILP, Branco lembrou
a especialización de Galiza en produción eléctrica ao longo destes
anos. Unha especialización que a converteu en produtora neta
excedentaria ate o punto de exportar, segundo a última referencia, o
40% do que produce. Porén, denunciou, “non obtemos ningún
beneficio a cambio”.
Centrou, entre os obxectivos
fundamentais desta ILP, conseguir unha tarifa eléctrica galega e que
se poñan en marcha medidas específicas para combater a pobreza
enerxética.
Tarifa eléctrica galega
Para xustificar unha tarifa
eléctrica galega lembrou que dentro das tarifas hai dous conceptos:
un a propia poxa eléctrica diaria (pull eléctrico) e outro, que
supón case o 50% da factura, que son as peaxes eléctricas, fixadas
polo goberno do Estado que definiu como “a parte puramente política
das tarifas” e que supera os 25.000 millóns de euros,
aproximadamente nun ano normal.
Explicou que nesas peaxes hai
conceptos de solidariedade interterritorial que pagamos entre
todos/as, como é o caso do transporte de enerxía a outras
comunidades que non producen apenas, como a de Madrid, que produce
menos que algún pobo rural galego; o de solidariedade
extrapeninsular, que é o sobrecusto de producir electricidade e
distribuír a territorios como Baleares, Canarias, Ceuta ou Melilla e
que ascende a 1.800 millóns de euros nun ano normal; a prima que se
paga para que se poida queimar o carbón español, que é duns 500
millóns de euros ao ano ou axudas a determinadas tecnoloxías, como
os ciclos combinados, que supoñen outros 500 millóns de euros.
Xunto a isto sinalou que “fomos
solidarios –aínda que rematou o ano pasado- coa moratoria nuclear.
Cinco grupos nucleares que non chegaron a facerse no estado español
pero que se estiveron pagando varios anos, cando algún deles non
chegou a ser máis que un movemento de terras”. Unha solidariedade
pola que pagamos durante varios anos 5.700 millóns de euros.
Diante deste escenario, que
definiu como “hipersolidario”, Fernando Branco cuestionou que
Galiza non poida obter ningún beneficio, malia os custos sociais,
económicos e medio ambientais que a produción eléctrica comporta á
nosa nación. “Nós demandamos que nas peaxes, igual que se é
solidario con moitos territorios e tecnoloxías, haxa unha
bonificación na tarifa con quen produce e exporta”. Bonificación
que cifrou nun 30%.
Para xustificalo puxo como
exemplo, entre outros, o pacto ao que chegou o PP con Euskadi, hai
dous anos, cando se aprobou a Lei Eléctrica, que permitiu crear unha
tarifa industrial que non existía, por unha cuestión técnica
dunhas liñas de distribución concretas e que deu nunha tarifa vasca
que “andará polo 50 millóns de euros ano” que, especificou,
“tamén pagamos o resto”.
Pobreza enerxética
A este respecto sinalou que na ILP
a CIG o que fai é definir a pobreza enerxética, tal e como fai a
lexislación inglesa e recentemente a catalá, e que sería “a que
padece aquela unidade familiar que ten que destinar máis do 10% dos
seus ingresos as facturas de luz e de gas e que non consegue manter a
vivenda a unha temperaturas entre 18 e 21 graos, porque por debaixo
desas temperaturas entramos xa nun problema sanitario”.
Explicou que a CIG defende que o
acceso á enerxía eléctrica sexa un dereito social e que a
administración pública ten que pagarlle eses gastos enerxéticos a
quen estea nesa situación. Considerou os bonos recentemente
aprobados pola Xunta como “unha esmola” de carácter temporal e
asegurou que “non podemos ter xente vivindo sen luz na casa ou que,
aínda que a teña, non poda acender nin unha estufa”.
Canda estas cuestións manifestou
que a CIG tamén defende a presenza pública da Xunta no sector
enerxético; que se potencien as renovábeis; o autoconsumo, que
agora mesmo está penalizado; o aforro enerxético e a inclusión de
Galiza no Plan Estatal do Carbón.
Tarifa eléctrica industrial
Xunto a isto defendeu a necesidade
de termos unha tarifa eléctrica industrial para grandes consumidoras
como Alcoa, Ferroatlántica, Megasa ou Celsa Atlantic, que dependen
do sistema de poxa anual, que considerou “un disparate”, porque
son industrias de alto consumo e non poden estar pendentes todos os
anos dunha poxa que poña en cuestión o futuro de cada empresa.
O voto a favor de todos os grupos
da cámara, que foron manifestando un tras outro o seu apoio á ILP
promovida pola CIG, levará agora o texto a un trámite parlamentario
no que podería sufrir modificacións. Por iso Branco, tras agradecer
aos grupos parlamentarios ese apoio, subliñou que a central sindical
fará un seguimento do seu percorrido na Cámara, para tratar de
garantir que se recollan as propostas contempladas e que a central
sindical considera esenciais para garantir efectivamente a enerxía
como servizo público e combater a pobreza enerxética.
Ningún comentario:
Publicar un comentario