Hoxe por hoxe en algún dos estados membros da UE estanse a implementar diversas políticas tendentes a alongar a permanencia no traballo das persoas de maior idade, partindo iso si de premisas distintas dende o punto de vista dos dereitos sociolaborais e a liberdade dos/as traballadores/as.
Así
mentras nuns países para alongar a vida laboral dos/as
traballadores/as se adoptan medidas de mellora das condicións de
traballo tanto a nivel de seguridade e saúde laboral, como de
conciliación, flexibilidade laboral ou importantes beneficios
fiscais en termos de contratación e mellora das pensións; noutros
en cambio, estas políticas proactivas cun enfoque positivo que
pretenden contar coa libre colaboración e capacidade de decisión
do/a traballador/a para alongar a súa vida laboral máis aló do que
moitos consideramos razoable, transfórmanse claramente en políticas
autoritarias e coactivas cuxa finalidade é forzar, si ou si, o
alongamento da vida laboral do/a traballador/a so pena de verse
abocado a un importante período sen apenas cobertura nin protección
social, así como a unha importante penalización no importe dunhas
pensións xa de por si extraordinariamente minguadas, consecuencia da
necesidade de cotizar períodos de tempo inalcanzables para a gran
maioría dos/as traballadores/as (38 anos). Consecuencia tamén dos
contratos precarios e os baixos salarios con bases de cotización
ridículas en termos de cómputo final do importe da pensión, dadas
as fórmulas de cálculo aplicadas neste caso polo Estado español.
Nunhas
datas non moi afastadas no tempo, de aquí ao ano 2025, estímase que
na UE o número de traballadores/as entre 50 e 64 anos vai duplicar o
seu tamaño en relación aos traballadores/as con 25 anos ou menos.
No ano 1990 a poboación traballadora de máis de 55 anos supuña un
25% do total, no ano 2010 un 30%, e prevese por algúns analistas que
no ano 2060, acadará un peso do 40% da poboación total
traballadora.
O
mantemento das capacidades para o desenvolvemento do traballo nos/as
traballadores/as maiores de 55 anos varía en función de varios
factores, podéndonos atopar con mermas progresivas extensibles e
xeneralizadas de algunhas capacidades, como consecuencia do natural
deterioro psico-físico produto do proceso de envellecemento, mais
tamén cunha importante variabilidade en función do estado de saúde
do/a traballador/a derivado da súa xenética e constitución
psico-física, da súa traxectoria laboral e profesional, da súa
exposición anterior a determinados riscos, da súa historia médica
ou incluso dos seus hábitos e estilo de vida. En calquera caso, unha
avaliación de riscos e especialmente aquelas que van dirixidas a
traballadores/as maiores de 55 anos, deberá contemplar
especificamente as esixencias e demandas concretas do traballo que
desenvolve e as condicións no que se realiza, relacionando este co
nivel das súas capacidades funcionais e o seu estado saúde.
Así
as cousas, efectivamente é factible que poida haber unha determinada
cantidade de traballadores/as -difícil de determinar- que até os 67
anos manteñan un aceptable nivel de saúde física e mental, mais á
vista dos datos históricos existentes até agora en relación aos
procesos de recoñecemento de minusvalías, de todo tipo de
incapacidades, de xubilacións anticipadas e situacións de
desemprego derivadas do estado de saúde dos/as traballadores/as de
maior idade, podemos afirmar que hai moitos outros que para nada
chegan ao último tramo da súa vida laboral en condicións de seguir
traballando.
En
todo caso é evidente que a diminución das capacidades psicofísicas
derivadas do envellecemento, afectan substancialmente a aquelas
profesións nas que o/a traballador/a ten que realizar un traballo
pesado cunha alta esixencia física e unha elevada demanda en
relación a posturas forzadas, movementos repetitivos, ritmos
de traballo, coordinación e resistencia.
No
que atinxe á merma das capacidades ou habilidades cognitivas tales
como os distintos tipos de intelixencia, a utilización dos
coñecementos adquiridos, o uso da linguaxe ou a resolución de
problemas de complexidade diversa non se ve especialmente afectada,
podendo incluso chegar a mellorar en función da incidencia do
importante factor “experiencia” cando se trata de cuestións de
carácter profesional.
Por
outra parte, aínda que os/as traballadores/as maiores de 55 anos non
é o grupo de idade que en termos cuantitativos ten un maior número
de accidentes, o certo é que os accidentes que teñen adoitan ser de
maior gravidade e incluso con resultado de morte ou incapacidade
permanente, o cal ás claras evidencia a falta da necesaria
adaptación dos postos de traballo deste colectivo na maioría das
empresas. Empresas que deberían avaliar especificamente os postos
que ocupan para eliminar ou no seu caso minimizar, os riscos
derivados ou que resultan aumentados como consecuencia da diminución
de certas capacidades produto do proceso de envellecemento. Cuestións
como a estrutura organizativa, as deficiencias de comunicación, os
cambios tecnolóxicos unidos á falta de formación ou a falta de
oportunidades para progresar profesionalmente, rematan por constituír
unha importante fonte de riscos psicosociais, xeradores de estrés,
frustración, inadaptación e incluso marxinación do/a traballador/a
maior.
Neste
contexto a avaliación de riscos derivados ou acentuados pola
idade do/a traballador/a, pasa a constituír un elemento esencial no
proceso de preservación da seguridade e a saúde laboral deste
colectivo. Atender, identificar, comprender e determinar os cambios
experimentados nas capacidades funcionais de cada un destes
traballadores/as, así como o seu estado de saúde -atendendo ás
súas diferenzas interindividuais-, é un paso previo necesario para
poder axustar con coñecemento de causa as esixencias físicas e a
demanda mental á que o/a traballador/a se pode ver sometido sen
incorrer en niveis de risco inasumibles.
Cada
traballador/a, cada persoa é un mundo. Dende esta perspectiva tentar
forzar a toda costa e de maneira acrítica e xeneraliza o alongamento
da vida laboral, é un despropósito que pode ter fatais
consecuencias para un colectivo de traballadores maiores, no que como
consecuencia do proceso de envellecemento ven diminuídas en maior ou
menor medida as súas capacidades, en función das súas
características persoais,traxectoria vital e estado de saúde,
acentuándose deste xeito a especificidade de cada un e as súas
diferenzas individuais.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario