Neste Concello hai cartos para todo menos para devolvernos a paga. No mes de maio a paga segue sen pagar mais nobres e doncelas, polo que se ve, poden contratar. A pasada semana o Concello de Betanzos publicaba na web municipal un contrato para prestar apoio na organización da XIX edición da Feira Franca Medieval. Esta decisión sorprendeunos porque hai pouco máis dun mes Diego Fernández argumentaba na Mesa Xeral de Negociación que o Concello prefería contratar traballadores públicos no canto de privatizar para xustificar a contratación dun patrón para a Diana Cazadora e pouco días despois decide que o persoal de apoio para a Feira Medieval é mellor contratalo a través dunha empresa privada.
Que cambiou nun mes? Porqué lle interesa ao goberno municipal contratar agora unha empresa cando hai un mes iniciaba o proceso para a contratación dun traballador público? Se segundo o goberno de Ramón García poden contratar un patrón sen existir unha praza na Relación de Postos de Traballo que lles impide contratar persoal de apoio para a Feira Franca? Será que agora non interesa que haxa un proceso selectivo aberto a toda a cidadanía e ao que calquera persoa se poida presentar? Outro motivo non pode haber porque, do contrario, o concelleiro de persoal debe ter algún tipo de problema que lle borra a memoria e que lle fau utilizar os argumentos do emprego público dun xeito completamente interesado e en función de como lle vaia ben.
En todo caso, o que desde a CIG consideramos máis grave é privatice a xestión da Feira Franca Medieval e inclúa no contrato que o persoal contratado se ocupará da xestión administrativa da documentación municipal, de feito, expresamente, o contrato, como podedes ver, pon entre as funcións, as seguintes:
-Revisión e clasificación da documentación remitida polos artesáns.
-Preparar e remitir aos artesáns solicitantes de posto a documentación que corresponda.
Temos moi serias dúbidas da legalidade de que persoal dunha empresa privada, que entendemos, que traballará na sede da empresa privada que gañe o concurso, traballe con documentación que a cidadanía entrega na Administración pública e lles responda como tal Administración pública aos solicitantes. Ramón García debeu pensar, para que queremos funcionarios/as? Entendemos que este contrato é unha patada no cú ao funcionariado deste Concello porque quen non nos di que hoxe é a xestión da Feira Medieval, pasado a matrícula do Conservatorio e para o vindeiro ano a tramitación das solicitudes ao Concello. ESTE CONTRATO É UN DOS MAIORES ESCÁNDALOS DESTA LEXISLATURA COA QUE RAMÓN GARCÍA PRETENDE PRIVATIZAR A XESTIÓN DA DOCUMENTACIÓN MUNICIPAL DESTE EVENTO HOXE, MAIS PASADO MAÑÁ DE CALQUERA OUTRO.
Xa non nos metemos no escándalo maior que é que as empresas que concursen teñan que entregar unha relación das persoas que van contratan se gañan o concurso, que estes nomes e apelidos se puntúen de 0 a 3, tanto como a descrición do propio proxecto, e do que se pode deducir o interese desta privatización, que se podería ter solucionado contratando empregados públicos, como veñen de facer no caso do patrón.
En todo caso non hai que esquecer que os temas relacionados con este evento non é a primeira vez que son cuestionados, e en múltiples ocasións foron falados co concelleiro de Persoal que teima en continuar a prvatizar esta xestión e que mesmo no pasado ten sido quen de meter nas dependencias municipais a persoal sen contrato do Concello no que presuntamente era un caso de cesión ilegal de traballadores. As empresas, mentres tanto, encantadas, cobrando o mesmo e utilizando dependencias e material municipal, que máis podían pedir? Entre tanto, os empregados públicos somos ninguneados por un goberno que entende que non somos necesarios desde o momento que privatiza a xestión e tramitación de documentos municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario