08/08/16

Atraso na convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde

Os delegados de prevención do Comité de Empresa veñen de lle solicitar ao Concello, unha vez máis, que convoque o organismo, logo que non só a Lei de prevención de riscos laborais recolla que se ten que reunir cada tres meses, senón que tamén o recolle así o propio regulamento aprobado e acordado por unanimidade entre os representantes dos traballodores ao comezo desta lexislatura.
Tal e como lle manifestaron os propios delegados de prevención ao concelleiro de Persoal, pódese entender perfectamente que haxa días de retraso mais o problema é que o máis común nos catro anos anteriores son meses de retraso e iso é o que desta volta pretendemos atallar de cara a botar a andar dunha vez por todas e de verdade o tema da seguridade e saúde laboral, porque aínda que pareza que as cousas non importan ata que sucede algo grave, desde a CIG entendemos que a seguridade e saúde laboral son un dos piares das condicións laborais e a Administración pública debe dar exemplo non só noutras moitas cuestións senón tamén e especialmente nestes temas.
Os temas que xa o pasado 8 de xullo solicitamos que se tratasen, como mínimo, na vindeira reunión, son os seguintes:
1. Vixilancia da saúde: itinerarios (especificación dos protocolos a aplicar en función da categoría profesional e posto de traballo). 
2. Equipos de traballo: documentación e certificación de conformidade de todos as equipos de traballo que se están a utilizar. 
3. Plans de evacuación e simulacros de todas as dependencias municipais.
4. Revisión da avaliación de riscos. 
5. Lugares de traballo. 
6. Formación. 
7. Risco psicosocial. 
8. Coordinación de actividades empresariais: determinar os lugares donde concorren empresas e que tipo de medios de coordinación se utilizan.

Igualmente, solicitámoslle ao Concello que asista á reunión o técnico da Mutua contratada polo Concello para dar información de todas aquelas cuestións sobre as que en anteriores ocasións o Concello non tiña unha información precisa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario