A CIG convoca un total de 13
mobilizacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira
A CIG aproveitará a celebración do
Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar
coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e
sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación
das sucesivas reformas antiobreiras. A central conmemorará esta data
coa convocatoria de 13 mobilizacións nas principais localidades do
país baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as
reformas”.
Dende a CIG lembran que nos últimos
oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio
de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola
clase traballadora na súa historia constante de loita. “Amparados
na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais,
os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria,
etc”, sinalan.
Isto fixo que hoxe a pobreza estea
relacionada con traballo precario, cos contratos parciais, cos máis
de dous millóns de persoas que esgotaron as prestacións por
desemprego e co 32% de traballadores/as que teñen un salario
inferior ao SMI: 707 euros ao mes.
Tamén lembran que nestes anos máis de
130.000 galegos/as, principalmente mozos/as, marcharon á emigración
buscando traballo, polo que se en lugar de emigrar ficasen aquí o
desemprego real superaría o 30%.
Ao mesmo tempo, sinalan que o do Estado
español é o único caso no que o total dos salarios da clase
traballadora descendeu nestes últimos seis anos preto dun 11%. Mesmo
en Portugal, neste mesmo período, os soldos subiron un 4,45%,
mentres que en Alemaña e Francia o incremento superou o 9%. “As
reformas laborais conseguiron o que se propoñían, traballarmos máis
e cobrarmos menos; os salarios que perdemos pasaron ás rendas do
capital, persoas ricas e grandes empresarios/as, que aumentaron as
súas fortunas e beneficios en máis dun 18%”.
Na CIG entenden que unha vez que
conseguiron roubarnos gran parte dos nosos dereitos laborais crearon
novas leis represivas de seguridade cidadá (Lei Mordaza) e do Código
Penal para criminalizar a resposta e mobilización da clase
traballadora “porque saben que sempre conquistamos os nosos
dereitos coa loita”.
Consideran importante que na
actualidade o PP non teña a maioría parlamentaria, “xa que estas
leis que empobrecen e condenan ao sufrimento á clase traballadora
poden ser anuladas”. Diante disto, chaman ao conxunto da cidadanía
a participar nas distintas mobilizacións convocadas pola central
para esa xornada.
Lugares e horarios das distintas
mobilizacións:
-Vigo: no cruce da Dobrada ás
12:00 horas.
-Cangas: na Praza do Concello ás
19:00 horas.
-Coruña: na Praza de Vigo ás
12:00 horas.
-Cee: na Praza do Concello ás
12:30 horas.
-Compostela: na Praza Roxa ás
12:30 horas.
-Ribeira: na Praza do Peixe ás
12:00 horas.
-Ferrol: na Avenida de Esteiro
(local da CIG) ás 12:00 horas.
-Lugo: na Ronda da Muralla
(edificio sindical) ás 12:00 horas.
-Burela: en A. Pardiñas (local da
CIG) ás 12:00 horas.
-Ourense: no Pavillón dos
Remedios ás 12:30 horas.
-Pontevedra: na Praza da Ferrería
ás 11:30 horas.
-Vilagarcía: na Casa do Mar ás
12:00 horas.
-A Estrada: na Praza do Mercado ás
12:00 horas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario