06/02/18

Negociación da Relación de Postos de Traballo (01/02/18)

O pasado xoves tivo lugar a última mesa de traballo da Relación de Postos de Traballo e a estas alturas xa hai moitas cousas avanzadas grazas a distintos acordos do goberno municipal con CSIF, CCOO e UGT.

Cómpre lembrar que de xeito definitivo o goberno asumiu a inexistencia da Relación de Postos de Traballo do ano 2008 e comeza os traballos de elaboración dun novo documentos que só conterá os postos de funcionarios/as, de laborais fixos e os de obrigada creación por unha sentenza de indefinición. Arredor de 60 traballadores e traballadoras laborais ficarán á marxe do documento de ordenación e nunha situación certamente irregular, a pesar de que o goberno municipal se comprometera aínda hai un par de meses non só a que a totalidade dos postos formasen parte do documento senón que faría unhas adscrición provisional dos laborais temporais aos postos da RPT.

A estas alturas, e logo da reunión informativa convocada pola CIG a pasada semana, todo o persoal é coñecedor de que a solución que lle dá o goberno municipal a todos estes traballadores que ficarán á marxe da RPT é que acudan ao xulgado reclamar a indefinición.

Non obstante, a negociación segue o seu curso e polo momento os acordos que o goberno municipal tomou cos outros sindicatos foron os seguintes:

Os postos de funcionarios fican co nivel máis alto posible de cada tramo.

Os postos de laborais fican co nivel máis baixo posible de cada tramo.

Por tanto, non existe un sistema de valoración igual para todos os postos os postos da RPT e si unha nova discriminación do persoal laboral.

Ademais, aplicarase un sistema matemático mixto para a valoración dos postos que exclúe  aos habilitados nacionais.

Os factores que formarán parte do complemento específico serán os seguintes: nivel, n.º de postos dependentes, especial dificultade técnica, especial dedicación e dispoñibilidade, incompatibilidade, perigosidade, penosidade, horario, duplicidade, atención ao público e responsabilidade penal. O reparto porcentual destes supón un novo revés para os postos do persoal laboral, posto que o nivel suporá o 48,30% do complemento, e por tanto, os postos de laborais, co nivel de destino máis baixo de cada grupo, parten dun complemento específico que vén definido principalmente por un factor que privilexia os postos do persoal funcionario. A maiores, unha grande parte dos factores só se poderían aplicar a determinados postos e non á totalidade, maiormente tamén os postos de funcionarios.

A maiores prosperou unha proposta do goberno municipal, apoiada por CCOO, UGT e CSIF da inclusión dun novo factor discrecional que o Concello reserva para outorgar ata un 10% a determinados postos baixo parámetros que non están definidos polo momento mais cuxas explicacións deixaron claro que non se aplicaría á totalidade dos postos nin aclararon os criterios de reparto.

Finalmente, a empresa Quorum indicou que para a vindeira reunión traería unha simulación da aplicación dos factores do complemento específico cos resultados aplicados a cada un dos postos e decidiríase a aplicación da escala de factores a cada un destes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario