O persoal das Administracións tardaría
28 anos en restablecer o recortado nos últimos oito anos
A Área Pública da CIG
(CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o
acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais
estatais CCOO, UGT e CSIF que se prevé que se asine na Mesa Xeral
das Administracións Públicas convocada para mañá mércores, día
14 de marzo, nin polo fondo, nin polas formas. Denuncia a pretensión
de desvincular os salarios do persoal das Administracións públicas
do IPC; que ese acordo só permitiría recuperar un 0,48% anual do
poder adquisitivo perdido até 2020 e que, de se manteren os
criterios marcados, o persoal das administracións públicas
tardarían 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos 8
anos. Rexeita ademais que se pactara, como en ocasións anteriores,
fóra das mesas de negociación.
O portavoz da Área Pública da CIG,
Xavier Picón, asegura que ademais de non recuperarse o poder
adquisitivo perdido, tampouco se recuperan as prazas de emprego
público recortadas, nin os dereitos laborais suprimidos. “Mantense
tamén intacta toda a lexislación restritiva de dereitos de
participación e negociación colectiva, facendo táboa rasa de todas
as reivindicación sindicais”. Toda unha serie de cuestións ás
que, afirma, “non pode renunciar a Área Pública da CIG”.
Pacto fóra das mesas
Picón denuncia que o texto do
documento foi acordado polas cúpulas sindicais e gobernamentais “sen
publicidade nin contraste coas traballadoras e traballadores do
sector público, á marxe da mesa de negociación e mantendo vellas
prácticas desgraciadamente consolidadas tanto no bando sindical como
no do goberno”.
De feito acusa a CCOO, UGT e CSIF de se
converter en “cómplices dun Goberno que, lonxe de recoñecer o
esforzo soportado durante a crise e restituír os dereitos e as
condicións de traballo suprimidos relega ás persoas empregadas
públicas ao papel de vítimas permanentes dunhas políticas
contrarias aos intereses da clase traballadora en xeral e das persoas
empregadas públicas en particular”.
Desvinculación do IPC
A Área Pública da CIG considera moi
grave que, no documento, as organizacións sindicais accedan a pactar
incrementos salariais que “xa non se indexarán en función da
carestía da vida, senón en función da evolución da economía
global española”. Un precedente que Picón cualifica de
“pernicioso” porque o PIB “só reflicte o incremento do valor
monetario dos bens e servizos, desligándose da evolución dos prezos
do noso consumo diario e sen establecer antes criterios de reparto
igualitario deses beneficios”.
Alerta ademais de que iso foi
precisamente o que se fixo coas pensións públicas –desligar o seu
incremento ao IPC- e que provocou unha importante perda do seu poder
adquisitivo e unha contestación social sen precedentes das persoas
pensionistas.
Deste xeito a Área Pública da CIG
calcula que nos próximos tres anos as retribucións do persoal
público se incrementarían nun 6,12% (con subas de 1,75%; 2,25% e 2%
en cada exercicio). A maiores fíxanse uns posíbeis incrementos
vinculados ao PIB. Porén, “segundo as estimacións do Banco de
España de decembro de 2017, o PIB non superará o 2,1% nos anos 2019
e 2020, polo que no mellor dos casos esas subas poderían chegar,
como máximo, ao 6,38%”.
Ademais, segundo eses mesmos informes
do Banco de España, o IPC destes tres anos (2018 a 2020)
experimentará un incremento do 4,67%. “Isto implica que parte da
recuperación do noso poder adquisitivo se limitará a un 0,48%
anual, ou 0,57%, no mellor dos casos)”.
A Área Pública da CIG ten en conta
ademais o desfase de poder adquisitivo mínimo desde 2010, que foi
dun 13,20% no Estado, polo que o funcionariado e o persoal laboral
público tardaría 28 anos en recuperar o que lle foi arrebatado
polos diferentes gobernos.
“Esta recuperación sería moito máis
lenta en administracións como a galega”, sinala Pincón, porque “a
Xunta foi máis agresiva que a propia administración central nos
recortes ao seu persoal, mantendo complementos específicos das
extras recortados até o ano 2017 e onde o acumulativo do IPC foi
lixeiramente superior ao do Estado”.
Por iso para a Área Pública da CIG é
“unha auténtica tomadura de pelo ás persoas empregadas públicas
que se nos fale de recuperación de poder adquisitivo en relación ao
perdidos nos últimos 8 anos”.
Fondos adicionais
Respecto dos fondos adicionais que se
contemplan no acordo e que se poderían negociar e incrementar nas
diferentes administracións públicas, Picón explica que son fondos
con carácter finalista polo que “a súa distribución pode afectar
de xeito desigual aos distintos colectivos, grupos ou escalas de
empregados/as públicos/as”.
En todo caso, a CIG entende que cada
administración debe poder chegar a acordos retributivos sen estar
condicionada por acordos e inxerencias do goberno e as cúpulas
sindicais estatais xa que, do contrario, “se está a negar a
capacidade de negociación das organizacións sindicais e das
administracións en cada ámbito de negociación”.
Propostas da CIG
A Área Pública da CIG xa adianta que
presentará as súas propias propostas e defenderá unha suba
adicional sobre o acordo acadado entre o goberno e os sindicatos
estatais dun 4,40% en 3 anualidades, para recuperar o 13,20% do poder
adquisitivo perdido no período 2010.2017, incluíndo unha cláusula
de garantía salarial por desviación do IPC.
Demandará ademais a derrogación das
normas implantadas polo goberno central que provocaron un grave
deterioro das condicións laborais, nomeadamente a penalización por
enfermar, porque no acordo “o único que se recolle é que as
diferentes comunidades autónomas poderán regular as condicións a
cumprir para completar até o 100% nas baixas por IT”.
Reclamará tamén a recuperación de
dereitos perdidos que no documento non aparecen e a xubilación
parcial que non se amplía ao funcionariado do réxime xeral. Xunto a
isto reclama que se inclúa a recuperación dos Fondos de Acción
social; o fin dos recortes nas pagas extra nos conceptos de salario e
trienios; dos permisos e licenzas suprimidos; da restitución da
parte dos convenios colectivos suspendidos ; da implantación do
sistema de carreira horizontal ou da clasificación do persoal
titulado de FP2 no grupo B e de FP1 no grupo C1.
Sen creación de emprego
Para a Área Pública da CIG o texto
incluído neste acordo supón unha ampliación do Acordo sobre
estabilización do Emprego Público que a CIG xa rexeitou no seu
momento porque non recupera emprego público perdido entre 2010-2017
e que se cuantifica en 270.000 postos de traballo no conxunto do
Estado, 12.000 deles en Galiza. En todo caso Picón matiza que se
está a falar de “prazas estruturais que xa están ocupadas na
actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino e noutros
por persoal indefinido non fixo por sentenzas que, en ningún caso,
implican incremento real de prazas nos cadros de persoal”, matiza
Xavier Picón.
Por iso a Área Pública da CIG conclúe
que “malia a tan cacarexada mellora da situación económica, o
mantemento das taxas de reposición non permite crear emprego no
sector público, nin recuperar as prazas perdidas nos últimos anos
nestes ámbitos. “Isto vai seguir xerando emprego temporal e
inestábel e, nalgúns casos en fraude de lei, co agravante de que
agora as taxas xa non veñen impostas, senón que son froito de
acordo coas organizacións sindicais estatais”.


Ningún comentario:
Publicar un comentario