15/03/18

O GOBERNO MUNICIPAL DO PSOE PRIVATIZA O SERVIZO DE LIMPEZA MUNICIPAL DOS CENTROS EDUCATIVOS DE COSTAS ÁS TRABALLADORAS


O Concello de Betanzos avanza na privatización dos servizos municipais e na destrución de emprego público coa licitación do servizo de "Limpeza de centros públicos de ensino do Concello de Betanzos". O goberno municipal do PSOE publicou esta licitación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o día 7 de marzo e hoxe mesmo na web municipal do Concello alardea das bondades da privatización dun servizo que na actualidade ten cinco traballadoras ás que o Concello non informou en ningún momento das súas intencións. É máis, as traballadoras que resultarían afectadas souberon pola prensa que o Concello ten a intención contratar a unha empresa privada para a limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín, a Escola Infantil e o Conservatorio Municipal.

Desde a Sección sindical da CIG denunciamos publicamente a falta de diálogo do goberno municipal nesta situación e a vontade privatizadora dun sector que na actualidade xa conta con persoal, se é ben é certo que nos últimos anos se reduciu significativamente pola negativa a cubrir as vacantes por xubilación. É necesario denunciar tamén que o prego de prescricións técnicas do contrato administrativo minte abertamente dicindo que "o Concello carece de persoal con experiencia na prestación de traballos de limpeza e que conten coa categoría de limpador/a", cando os contratos das traballadoras de limpeza que actualmente traballan no CEIP Francisco Vales Villamarín e os postos existentes no cadro de persoal afirman o contrario.

A maiores, o Concello ten unhas listaxes de substitución vixentes para o posto de limpador/a para cubrir as baixas do persoal, e a CIG xa denunciou publicamente que sistematicamente viña cubríndoas con persoal dunha empresa privada, nun claro intento de abrir este novo camiño da privatización definitiva.

En último lugar, queremos lembrar que a vontade de destrución de emprego público do goberno municipal de Betanzos vén de lonxe, posto que xa hai dous anos optou por despedir a dúas traballadoras que limpaban o aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín para comezar a abrir o camiño a esta contratación privada. Finalmente, consideramos completamente inaceptable que o PSOE dese este paso sen falar co Comité de Empresa e coas traballadoras afectadas, máis aínda tendo en conta que a modificación das condicións laborais é materia de obrigada negociación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario