A
central convoca manifestación o domingo 26 de xaneiro en Compostela
por unhas pensións públicas dignas e garantidas
A
CIG realizou este mércores asembleas e concentracións de
delegadas/os nas diferentes comarcas en defensa do sistema público
de pensións e para esixir a derrogación das reformas laborais, da
negociación colectiva e das pensións como única vía para garantir
a recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora baixo a
escusa da crise. Dende a CIG lanzouse un chamamento a participar na
manifestación que a central ten convocada o domingo 26 de xaneiro,
ás 12 horas, en Santiago de Compostela por unhas pensións públicas
e garantidas, "porque esta é unha loita que atinxe a toda a
clase traballadora".
Ademais
desta cuestión, nas asembleas debateuse arredor da folga de mulleres
de 24 horas que a CIG convoca para o vindeiro día 8 de marzo e das
mobilizacións previstas para o día 10 de marzo, Día da Clase
Obreira Galega.
Resposta
social sostida no tempo
O
secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea
celebrada na Coruña, puxo o acento na conxuntura política actual
"chea de incertezas" e nas actuacións dun Goberno do
Estado que non ten vontade de afrontar cambios substanciais nas
políticas neoliberais aplicadas até agora, que posibiliten a
recuperación dos dereitos roubados baixo escusa da crise. Así, puxo
como exemplo os orzamentos xerais que o Executivo de Pedro Sánchez
vén de aprobar "que constatan o maltrato histórico con Galiza"
ou as últimas medidas adoptadas en materia de pensións públicas.
"Estamos
nun momento no que, ou empurramos a mobilización social ou
dificilmente poderemos frear a pobreza e a precariedade laboral, os
ataques ao sistema público de pensións, o desmantelamento do noso
tecido produtivo ou mesmo o auxe da extrema dereita", advertiu
Carril.
De
aí que lanzara un chamamento "a rearmar unha resposta social
sostida no tempo", tanto na rúa como a través da negociación
colectiva, como única alternativa para reverter o empobrecemento da
clase traballadora e os procesos de desindustrialización, "que
hoxe teñen un claro expoñente na comarca da Coruña, co peche dos
fornos de Ferroatlántica, o anuncio de Naturgy de
clausurar a central de Meirama ou co lesivo preacordo
asinado en Alcoa, que non garante nin o mantemento do 100% do emprego
nin a reactivación das cubas de electrólise".
Empregos
e salarios dignos para garantir o sistema de pensións
O
secretario xeral da CIG lembrou que durante a reunión do pasado
decembro coa ministra de Traballo, a central nacionalista urxiu
cambios lexislativos para derrogar as reformas laborais de 2010 e
2013, a reforma da negociación colectiva e as reformas das pensións
de 2011 e 2013, como paso necesario para xerar emprego estábel, de
calidade e con salarios dignos, que permita dotar de recursos
suficientes o sistema de pensións.
A
este respecto, valorou que o Goberno retomara o IPC como índice para
revalorizar as pensións, pero lembrou que aspectos tan lesivos como
o factor de sustentabilidade continúan vixentes e que xa se
está a falar de ampliar de novo os anos para o cálculo da base
reguladora ou volver atrasar a idade efectiva de xubilación.
Nesta
liña, Carril tamén criticou os cambios aprobados polo Goberno
español sobre xubilación parcial aos 61 anos con contrato de
relevo, xa que na práctica queda excluída deste dereito a maioría
da clase traballadora. "Demandamos a derrogación da reforma das
pensións de 2011 e recuperar este dereito nas condicións previas,
xa que é un mecanismo de acceso á xubilación en condicións dignas
e a unha idade máis que merecida para quen ten longas carreiras de
cotización, pero tamén é un mecanismo de creación de postos de
traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración que
sofre Galiza".
A
CIG demanda un SMI cando menos igual ao 60% do salario medio
Nas
asembleas abordouse tamén a suba do Salario Mínimo
Interprofesional, un incremento que Paulo Carril, cualificou como "un
tímido avance, mais insuficiente". Así, recordou que a central
sindical trasladoulle unha proposta ao director Xeral de Traballo
para que neste 2019 o SMI se situara, tal e como recomenda a
Carta Social Europea, en cando menos o 60% do salario medio, ante a
necesidade urxente de acabar co empobrecemento xeneralizado dos
salarios e das rendas de traballo.
Con
este obxectivo a CIG tamén demandou a derrogación do Indicador
Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do
salario mínimo interprofesional como única referencia de indicador
público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de
prestación social pública.
Neste
contexto de deterioro das condicións laborais e sociais e de
continuados recortes, criticou que o Goberno galego pretenda
aparentar agora unha oposición radical a Madrid, pero que non deixa
de ser un simple postureo, "pois nin sequera ten axenda propia
para Galiza e mira para outro lado cando se lle trasladan propostas
como a da CIG para a creación dunha tarifa industrial estábel,
predicíbel e competitiva para as empresas electrointensivas e
medidas para que poidamos aproveitar a nosa condición de país
xerador e exportador de enerxía para combater a pobreza enerxética
e pór a explotación dos nosos recursos ao servizo do
desenvolvemento social e económico de Galiza".
O
8 de Marzo a CIG convoca folga de mulleres de 24 horas
A
secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, participou
na asemblea de delegados/as de Vigo para abordar a conmemoración do
vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.
Corral incidiu en primeiro lugar na importancia de enfocar a
celebración como unha data de combate, de confrontación e de
denuncia do sistema capitalista patriarcal que oprime e discrimina a
milleiros de mulleres en todo o mundo.
Lembrou
que a CIG ten convocada para esa xornada unha folga de mulleres
de 24 horas, “xa que entendemos que a folga é unha ferramenta
necesaria para loitar contra os problemas que padecemos: fenda
salarial, discriminación laboral, abuso e acoso nos centros de
traballo, etc.”.
Diante
disto, chamou a todas as mulleres traballadoras a participar nun paro
de 24 horas que vai máis alá do estritamente laboral xa que tamén
é de consumo, de coidados, etc. e instou os homes a levar estas
reivindicacións ás empresas e a apoiar e facilitar que as súas
compañeiras non vaian a traballar ese día, ademais de a participar
nas mobilizacións que se desenvolverán o 8 de Marzo pola tarde.
Pola mañá terán lugar os piquetes e as mobilizacións convocadas
pola CIG, que estarán protagonizadas exclusivamente por mulleres.
“Polas que estamos, polas que xa non teñen voz, imos á folga”,
subliñou Corral.
Ademais,
aludiu a outro dos obxectivos desta mobilización, que non é outro
que “desmontar a hipocrisía que fai que o sistema bote man do tema
das mulleres para lavar a cara”.
Neste
punto amosouse moi crítica co que cualificou como “paripé”
feito o ano pasado por CCOO e UGT “coa axuda dos medios de
comunicación” xa que a pesar de que estes dous sindicatos
convocaron folga xeral “cantos homes participaron do paro ou cantas
empresas pecharon?”.
Corral
asegurou que as mulleres organizadas na CIG están fartas desta
hipocrisía social que fai que “agora todo o mundo se declare
feminista, pero a realidade é que seguimos a ser asasinadas,
acosadas, agredidas e discriminadas sen que ningún goberno faga nada
por rematar con isto”.
Segundo
denunciou, tampouco a Administración de xustiza está a combater
esta situación, máis ben ao contrario: “A xustiza española
machista e fascista está a reaccionar, como amosan sentenzas como a
da Manada”, censurou.
Finalmente,
fixo fincapé en que “os nosos dereitos conquístanse loitando na
rúa e nos centros de traballo”, polo que salientou a importancia
de participar en todas as mobilizacións que convoca o feminismo
galego, do que tamén fai parte a CIG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario