A CIG recorre o nomeamento da gobernanta da residencia de Sarria por non axustarse á legalidade
A CIG presentou por rexistro ante o Concello de Sarria
reclamación contra o nomeamento mediante decreto do concelleiro de Servizos
Sociais da gobernanta para a residencia "Nosa Señora do Carme". Hai
que lembrar que o persoal deste centro ten gañado, mediante sentenza xudicial,
a súa condición de persoal do Concello, polo que as contratacións e nomeamentos
do persoal deben de cumprir co establecido no Estatuto Básico do Empregado/a
Público/a.
A CIG conta con dous representantes no
comité de Empresa, a quen non lles foi comunicado dito nomeamento, nin os seus
criterios, nin as necesidades. Por iso, para a central sindical este nomeamento
falta absolutamente á legalidade, "posto que entendemos que dito posto non
se pode cubrir mediante decretazo ou dedazo, senón que debe de ser cuberto
mediante un proceso de selección, ben sexa concurso-oposición, oposición, ou
concurso".
Igualmente, subliña o secretario de
Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, dito nomeamento incumpre os
preceptos constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, esixíbeis nos
proceso de contratación pública.
"É por iso que presentamos reclamación
ante o Concello de Sarria para que proceda a repoñer a legalidade e proceda a
cubrir dita praza, se así o estima convinte, de xeito procedente e axustado á
lei", apunta. No caso contrario, a CIG verase na obriga de continuar o
camiño da reclamación e presentar demanda nos xulgados do
Contencioso-Administrativo de Lugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario