Evidénciase a
situación fraudulenta na que os Concellos teñen o persoal destes grupos de
emerxencias
O Xulgado do Social número 3 de
Lugo vén de decretar a fixeza de dous operarios do Grupo de Emerxencias
Supramunicipal (GES) da Pontenova. Segundo determina o xulgado, a
fraudulenta contratación destes traballadores polo Concello (que lles renovan o
contrato ano a ano desde 2013), a realización de funcións estruturais, e
o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade
no acceso á súa praza, tras superar un proceso público de selección para a súa
contratación, convérteos en persoal laboral dixo do Concello da Pontenova.
Para o secretario de
Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, estas dúas sentenzas poñen de
manifesto a situación fraudulenta na que os concellos teñen o persoal destes
grupos de emerxencias.
Neste senso, apunta que esta
fraude na contratación nos GES dáse de forma practicamente xeral en todos os
Concellos que dispoñen deste servizo, e deriva dunha concepción irresponsábel
por parte das Administracións implicadas: Xunta, deputacións provinciais, FGAMP
e Concellos sede.
"Dunha
banda o obxectivo da Xunta é dar unha suposta cobertura de servizos de
emerxencias a zonas nas que non chegan os parques de bombeiros, e por outra
banda, os concellos, co visto bo de deputacións e FGAMP, acollen estes grupos
co obxectivo de posuír peóns baratos para a realización de todo tipo de
labores, sendo para todas estas Administracións o de menos que a poboación
conte cuns servizos de emerxencias eficientes, profesionais e correctamente
equipados", denuncia.
Desde
a CIG convídase ao persoal dos distintos Grupos de Emerxencia Supramuncipal que
hai na provincia de Lugo a que se animen a demandar a súa condición de persoal
laboral fixo, "e animámolos a que consulten no sindicato a súa situación e
as súas posibilidades ao respecto de obter a condición de fixeza".
Ningún comentario:
Publicar un comentario