02/02/21

A CIG reitera a solicitude de reunión do Comité de Seguridade e Saúde logo de 9 meses paralizado

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos máis necesario ca nunca, cunha situación de pandemia como a que estamos a vivir, que o Concello de Betanzos reúna  o Comité de Seguridade e Saúde trimestralmente, como indica a lexislación e procede e convoque de inmediato o organismo que leva sen reunirse desde o pasado mes de maio, momento no que se constituíu e que provoca a completa desactualización dos protocolos aprobados hai nove meses con toda a lexislación que as propias administracións públicas puxeron en vigor durante distintos períodos desta pandemia.

A CIG trasladoulle aos delegados de prevención da CSIF e UGT esta preocupación na reunión ordinaria do Comité de Empresa do mes de maio, que unha vez máis aludiron á situación de pandemia para xustificar o incumprimento da lexislación por parte do Concello e a deixadez nas obrigas relacionadas coa convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde.

Debido a isto, a CIG decidiu reiterar a solicitude realizada o pasado mes de xullo ante a gravidade da situación e agarda que o Concello reúna con carácter inmediato o Comité de Seguridade e Saúde, do contrario o Concello obrigaranos, como en anos anteriores, á acudir á Inspección de Traballo para denunciar o incumprimento da Lei de prevención de riscos laborais nos artigos que corresponde.

En concreto, a CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos actualice o Plan de continxencia Covid-19 e actualice as avaliacións de riscos laborais de todos os centros de traballo da Administración local tendo en conta a situación de pandemia actual.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos reúna o Comité de Seguridade e Saúde para tratar, entre outros, os seguintes temas, tal e como xa solicitamos na quenda de intervencións da última reunión do órgano.

  • Actualización do plan de continxencia da Covid-19 no Concello de Betanzos

  • Coordinación de actividade preventiva

  • Visitas aos centros de traballo e ver se se levaron a cabo as medidas preventivas.

  • Actualización das avaliacións de riscos laborais co protocolo Covid-19

  • Plan de emerxencia da Biblioteca e simulacro.

  • Catálogo de postos que teñen EPI e EPI que se lles facilitaron aos traballadores.

  • Informe sobre as baixas laborais

  • Aprobación do protocolo contra o acoso laboral.

  • Revisións médicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario