23/02/21

Resumo da Mesa Xeral de Negociación (23/02/2021): capítulo I dos orzamentos 2021

 Na Mesa Xeral de Negociación de hoxe aprobouse o capítulo I dos orzamentos 2021 do Concello de Betanzos cos votos a favor da UGT e CSIF e a abstención da CIG.

A CIG explicou o sentido da súa abstención ao entender que realmente nesa Mesa non se negociaba nada, xa que os orzamentos só supoñen a execución dos acordos vixentes na Lei de orzamentos do Estado para o incremento retributivo do 0,9%, na Relación de Postos de Traballo e no Convenio colectivo en vigor e indicou, ademais, unha serie de erros e advertencias no documento sen a certeza de que se vaian corrixir antes da aprobación final do orzamento, tendo en conta que o pleno vai ter lugar este venres 26 de febreiro. 

O concelleiro de Persoal indicou que este orzamento supón un incremento de 273 917,54 euros con respecto ao do ano 2020 e que este incremento é o necesario para o incremento do 0,9% que recolle a LOE 2021 e a aplicación da Relación de Postos de Traballo en vigor. Por tanto, o incremento da partida de persoal irá destinado fundamentalmente ao incremento salarial do persoal funcionario con melloras tras a aprobación da RPT e queda moi moi lonxe daqueles pouco máis de 60 000 euros que custara a implantación do Convenio colectivo no 2017 e que só lle afectaba ao persoal laboral.

A maiores, neste orzamento, algo máis de 1 300 000 euros van destinados aos salarios do persoal laboral fronte aos algo máis de 1800 000 euros destinados aos salarios do funcionariado que son case a metade que o persoal laboral, e que demostran a discriminación salarial existente. Xunto a estes datos, o capítulo I inclúe 100 000 euros para gratificacións e horas extraordinarias, 25 000 euros para produtividade e 30 000 euros para axudas sociais.

O Concello xustificou que os anexos non recollesen as denominacións dos postos da RPT vixente porque seica o programa informático non o permite, non obstante a CIG apuntou algúns casos nos que si que se recollía a denominación actual fronte á antiga, e que, por tanto, esa explicación non era útil para a totalidade da documentación

Logo da previsible aprobación inicial do orzamento este venres no pleno e da súa publicación no BOP, abrirase un prazo de alegacións, que deberán ser resoltas antes da aprobación definitiva. No momento en que a aprobación definitiva se publique no Boletín Oficial da Provincia, e segundo informou o concelleiro de Persoal, poderanse aplicar os novos salarios recollidos, mais este procedemento é independente do proceso de adscrición provisional e definitiva das prazas que seica xa está en curso no momento actual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario