Amosando publicacións coa etiqueta conflito colectivo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conflito colectivo. Amosar todas as publicacións

06/04/14

A CIG solicitará a execución da sentenza dos 14 días da paga de 2012 no caso de que o Concello non pague proximamente

No pasado mes de febreiro a CIG gañou o conflito colectivo polo que reclamaba 14 días da paga extraordinaria do ano 2012, e logo de saber que o Concello non ten pensado recorrer a sentenza, tal e como dixo o propio concelleiro de Persoal, instou a este a que a cantidade correspondente se pagase canto antes, non obstante, eramos conscientes da dificultade de incuír esta contía na seguinte nómina que tocaba, é dicir, a de marzo de 2014, tendo en conta a lentitude da tramitación de certos asuntos neste Concello, máis cando falamos de cartos e hai persoal que mesmo cobra as horas extraordinarias cinco meses despois de as realizar. 

Con respecto aos cartos que o Concello a día de hoxe lle adebeda ao persoal laboral con motivo do conflito laboral gañado no xulgado do social, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, preguntoulle nos pasados días ao concelleiro de Persoal cando o Concello pagaría esta contía e instou a que se realizase canto antes e se lle comunicase aos traballadores; á vista de que o concelleiro de Persoal non foi quen de fixar unha data para que este pago se realizase, advertíuselle, tal e como acordaran previamente os delegados e delegadas da Sección sindical da CIG, que se no prazo de dous meses non paga os cartos adebedados, a CIG verase unha vez máis obrigada a solicitar a execución da sentenza no Xulgado do Social, tal e como xa se ten visto obrigada a facer no pasado cando non pagaba o que debía.

A CIG manifestoulle ao Concello que entende que os trámites levan un tempo mais xa estamos a falar dunha sentenza de febreiro en reclamación duns cartos que o Concello lle debe ao persoal laboral dende decembro de 2012, por tanto, que vai sendo máis que hora de cobrar, porque para baixar o 5% e mais quitar a extra completa do 2012 non houbo demora ningunha, fíxose ao momento e sen dubidar, mais para devolvernos o que é noso, estanlle a dar xa demasiadas voltas, motivo polo que se tomou a decisión de advertir que se nun prazo razoable non o pagaban solicitase a execución da sentenza gañada.

30/12/13

A CIG presentou un conflito colectivo en reclamación de parte da paga extraordinaria roubada no ano 2012 ao persoal laboral do Concello de Betanzos

A Confederación Intersindical Galega presentou nas pasadas semanas un conflito colectivo co Concello de Betanzos para reclamar a parte da paga extraordinaria que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lle vén de recoñecer ao persoal laboral da Xunta de Galiza. 

Tal e como informabamos no pasado mes de novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñeceu o dereito a percibir a parte proporcional da paga extra do mes de decembro de 2012 ao persoal laboral da Xunta, polo período do 1 ao 14 de xullo, é dicir, 14 días, posto que o Real Decreto 12/2012 entrou en vigor o 15 de xullo de 2012. 

Ante esta situación e tendo en conta que as reclamacións para o persoal laboral teñen un prazo dun ano dende a CIG interpúxose o conflito colectivo coa idea de que o dereito recoñecido ao persoal laboral da Xunta poida ser estendido, neste caso, ao persoal laboral do Concello de Betanzos. 

O conflito colectivo é, en termos legais, unha manifestación de discrepancia por razóns laborais entre empresarios e traballadores, neste caso entre o Concello de Betanzos e o persoal laboral ao seu servizo polo non pagamento deses catorce días correspondentes á paga extraordinaria do ano 2012. 

Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos decidimos promover este conflito colectivo ante a pasividade do goberno municipal logo de saír a sentenza favorable ao persoal laboral da Xunta de Galiza, posto que noutros concellos houbos gobernos que aplicaron directamente a sentenza e devolvéronlle os seus cartos ao persoal laboral mentres que en Betanzos sempre temos que acudir aos xulgados e ás autoridades laborais para poder ir avanzando aos poucos e conseguindo dereitos que compañeiros doutras Administracións xa teñen. Non obstante, xa sabemos cal é o camiño que debemos seguir para ir avanzando paseniñamente e non trememos en ningún momento á hora de tomarmos decisións coma esta que poden redundar no beneficio de todo o colelctivo do persoal laboral do Concello de Betanzos.