Amosando publicacións coa etiqueta enfermidades profesionais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta enfermidades profesionais. Amosar todas as publicacións

05/05/14

Revisións médicas 2014

Segundo informaron dende o Departamento de Persoal na semana pasada está aberto o prazo para inscribirse nas revisións médicas que terán lugar a mediados deste mes. Os/as traballadores/as interesados/as deben inscribirse no Departamento de Persoal e lembrade que estas revisións son de carácter voluntario.

É unha boa nova comprobar como parece que se retoma a normalidade de realizar as revisións médicas de xeito anual, tal e como se debe facer, logo de anos onde a Administración aforraba os cartos e miraba cara a outro lado cando se trataba de comprobar a saúde laboral do persoal ao servizo desta Administración local. Agora só queda vermos as condicións en que se van realizar este ano logo de que o ano pasado o goberno recibise múltiples queixas polo xeito en que se realizaron. Igualmente, agardamos que o concelleiro de Persoal, tal e como dixo, se encargue de que as revisións sexan adecuadas a cada posto de traballo e non xerais para todo o persoal. 

A importancia dunhas revisións específicas radica en que nestas se pode observar como cada posto de traballo lle vai afectando á saúde dun traballador ou traballadora ao longo dos anos e estas revisións lle poidan servir á hora de acreditar unha enfemidade profesional, é dicir, derivada do traballo específico realizado no seu posto, porque, obviamente, non ten xeito que lle fagan a mesma revisión a un administrativo que a un varredor ou un xardineiro, porque as enfermidades que nun futuro poden ter derivadas do seu traballo non teñen nada que ver, e as revisións xerais son as que se poden facer no médico de cabeceira.

08/04/14

Recoñecidos como enfermidade profesional dous casos de síndrome do túnel carpiano

A Dirección Provincial da Seguridade Social de Bizkaia emitiu dúas resolucións nas que recoñece como enfermidade profesional dous casos de síndrome de túnel carpiano que afectaban a dúas traballadoras do sector da hostalaría.

O Instituto Nacional da Seguridade Social considerou que as tarefas que efectúan ambas as dúas traballadoras nos seus respectivos postos de traballo son susceptibles de ocasionar as doenzas que padecen de forma clara.

En ambos os dous casos, as traballadoras manifestaran de forma reiterada nos recoñecementos médicos anuais que padecían molestias, dores e perda de forza nas mans e, tamén, en ambos os dous casos, a actitude das sociedades de prevención foi a mesma: ocultar o accidente de traballo e derivar este a Osakidetza como continxencia común.

Como aconteceu neste caso, ocultar a orixe profesional da patoloxía non fai outra cousa que prexudicar ao traballador e minguar as súas prestacións económicas, sendo o feito especialmente grave debido a que a síndrome do túnel carpiano figura no Cadro de Enfermidades Profesionais recoñecido como tal para o persoal de cociña e hostalaría.