14/02/12

Presentada a demanda contra o Concello de Betanzos

A CIG presentou a demanda de tutela da liberdade sindical ao Concello de Betanzos. Esta demanda presentouse a semana pasada no xulgado do social e foi presentada pola representate da Sección sindical da CIG e presidenta do Comité de Empresa contra o Concello de Betanzos por atentado contra os dereitos fundamentais dos representantes sindicais.

Logo de meses intentando dialogar co Concello, múltiples resolucións que recortaban dereitos e continuas complicacións ao novo Comité de Empresa, a finais do ano pasado o Comité de Empresa decidiu demandar ao Concello de Betanzos, esta demanda materializouse hai uns días e abre unha vía que en ningún momento dende a CIG se quixo recorrer mais á que os acontecementos obrigaron a buscar logo de que o Concello non intentase solucionar os conflitos xerados nos primeiros meses cos novos delegados sindicais, especialmente cos da CIG, elixidos nas pasadas eleccións polos seus compañeiros.

Non sabemos se a isto se debe, mais o certo é que tanto nas discrepancias sobre representatividade na Mesa Xeral de Negociación coma con algún outro tema, como a negativa a facilitarlle a documentación que por lei lle pertence ao Comité, parece que o Concello nos últimos días intenta amosar a súa dispoñibilidade a facilitar a documentación e non ir na contra do que a lei marca, para aforrar futuros procesos xudiciais perdidos dende o comezo. Dende a CIG alegrámonos por esta nova actitude mais tamén nos lamentamos de que o Concello obrigase a recorrer a vías xudiciais para solventar problemas creados polo propio Concello por vulnerar en reiteradas ocasións dereitos fundamentais dos delegados sindicais, e agardamos que non se teña que repetir e o Concello deixe realizar o seu papel ao Comité de Empresa e non interfira no que en moitos outros concellos é a actividade cotiá dos delegados sindicais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario