Tal e como comentamos en varias ocasións a Relación de Postos de Traballo aprobada inicialmente polo Goberno municipal ten moitísimos erros de diverso calibre, desde mudanzas na categoría profesional ata a mudanza nos requisitos de formación de distintas prazas e mesmo erros de cálculo na aplicación dos complementos, todo isto sen un manual que explique o porqué de todo, ou sexa que a explicación é porque a eles lles peta.
Non se sabe con certeza quen elaborou este documento mais o certo é que os representantes políticos non é a primeira vez que se intentan eximir de responsabilidades baixo a premisa de que a elaboración foi por conta dos técnicos do Concello, que tan só cunha ollada xeral ao documento nos podemos decatar de que foron funcionarios, non habería, senón, pois, explicación ningunha para tal reparto de complementos específicos ata o punto de que un funcionario do grupo E nivel 13 (o máis baixo) cobra, por exemplo, 5861,64 euros anuais de complemento específico e un laboral do grupo 1 (o máis alto) cobre pouco máis de mil euros. O certo é que a fin de contas pouco importa quen o elaborase posto que quen o presentou ante o Pleno foi o alcalde e a responsabilidade de promoción das discriminacións neste Concello é política porque o goberno municipal apoiado por CxB pretende levalo adiante a pesar de que hai pouco máis dun ano, cando entraron a gobernar, as promesas todas xiraban arredor da idea de solucionar os problemas que se viñan arrastrando dende hai anos, iso, un ano despois, pódese traducir en que pretenden agravalos aínda máis e que as diferenzas se vaian facendo insalvables e de máis difícil solución.
O caso é que logo de informarmos a varios compañeiros de modificacións nos postos que ocupan que son simples erros mais que cómpre subsanar para que o documento final non se aprobe con eles a resposta do Concello é que presenten alegacións. A CIG xa as vai presentar e algúns compañeiros afectados tamén mais a cuestión é PORQUE TEMOS QUE AMAÑAR OS TRABALLADORES OS ERROS DO CONCELLO? Dende a CIG consideramos totalmente indignante que o Concello estea a admitir que na RPT hai erros e que non sexa quen de corrixilos de facto nin de mesmo asesorar ao persoal de como facer coas alegacións. É o colmo que o Concello cometa o erro e o traballador se se decata, se sabe ou mesmo se atreve poida enmendalo. Moitos destes erros xa os observamos e advertimos dende a CIG na Mesa Xeral de Negociación, a pesar de só ter dous días para poder analizala, mais aínda así o documento non se modificou para corrixilo antes do Pleno. Agardamos que, cando menos, no tema das alegacións o goberno municipal non demostre semellante prepotencia e sexa quen de admitir que cometeu erros e emendalos para o ben de todos os traballadores e do propio Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario