O vindeiro luns 10 de setembro a CIG convoca aos traballadores do Concello de Betanzos a unha asemblea informativa que tratará, principalmente, o tema da nova Relación de Postos de Traballo. Un mes despois de se presentar os orzamentos, ao non haber moción de censura, é previsible que proximamente sexan aprobados inicialmente e logo de se publicar no Boletín Oficial da Provincia haberá un prazo de quince días para presentar as alegacións pertinentes. Nese momento é cando dende a CIG se presentarán alegacións á Relación de Postos de Traballo e cada traballador poderá presentalas con respecto ao seu propio posto de traballo.
Debido a que os vindeiros días/semanas serán cruciais neste tema dende a CIG decidimos convocar unha asemblea aberta a todo o persoal para informar sobre a postura adoptada con respecto a esta Relación de Postos de Traballo non negociada e que afonda nas irregularidades entre os traballadores, as alegacións que se teñen previsto presentar e as posibilidades de alegar que ten o persoal que se ve afectado polas modificacións e que é moito máis do que nun principio "vendeu" o goberno municipal. Parece incrible que mesmo fosen quen de presentar unha Relación de Postos de Traballo "a medias" e na que non inclúen os cinco compañeiros do GRUMIR xa reincorporados este luns e cunha sentenza que os declara indefinidos, nin a praza de auxiliar administrativo que acaba de saír a concurso, cando a de técnico/a de orientación laboral, por exemplo, aínda en proceso, si que consta, e mesmo segundo esa Relación de Postos de Traballo nin sequera están orzamentadas as nove prazas de peóns e tres de capataces cuxas bases publicou onte mesmo o Concello e que ten previsto contratar proximamente.
Ademais, nesta asemblea que terá lugar o vindeiro luns 10 de setembro ás 19:30 h na biblioteca do Centro de Formación Ocupacional* informarase sobre a aplicación do Decreto 20/2012 no Concello e como afectará este ao persoal das Administracións públicas.
*O lugar está pendente de autorización por parte do Concello, mais se hai algunha modificación informarémosvos puntualmente.
Asemblea Luns
Ningún comentario:
Publicar un comentario