A Secretaría da Muller da CIG vén de presentar, en rolda de prensa, a campaña do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, que se desenvolve este ano baixo o lema de “FARTAS!”. Margarida Corral, secretaria confederal de Muller e Mocidade anunciou as diversas mobilizacións que con este motivo convoca, ou nas que participa, a central sindical e denunciou as “celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que recortan os nosos dereitos”. Ademais presentouse o informe “A situación da Muller no Mercado Laboral en Galiza no ano 2012”, elaborado polo Departamento de Economía, no que se constata que, alén do paro, as condicións laborais da muller en Galiza son cada vez peores.
A secretaria confederal de Muller lembrou que malia levar máis dun século conmemorando o día 8 de Marzo, “en pleno ano 2013, as mulleres de hoxe saímos á rúa para denunciarmos a mesma opresión. Porque o sistema capitalista segue abrindo fendas entre as clases sociais, e segue artellando unha división sexual da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes”.
Corral chamou a facerlle fronte a esta situación “como fixeron as nosas avoas” para dicir que “estamos fartas de sermos discriminadas; da situación de desvantaxe histórica que sufrimos; de cobrarmos menos salarios ca os homes; da temporalidade dos nosos contratos; de que sexan a tempo parcial e da persecución por exercermos o noso dereito a compatibilizar traballo e vida persoal e familiar”. Denunciou que as medidas que se van adoptando, como os protocolos e plans de igualdade en empresas “non son máis ca declaracións de intencións, por imperativo legal ou co único obxectivo de acceder a subvencións” e que a inclusión da perspectiva de xénero na negociación colectiva é “inexistente ou residual”.
A CIG ten convocadas nas cidades concentracións, no marco dunha xornada nacional de loita, o propio 8 de marzo, ás 12:00 da mañá:
-Coruña, diante da empresa EUROCEN,
-Compostela, diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, en Área Central
-Lugo, diante do Gran Hotel de Lugo
-Ourense, en resposta ao convenio do téxtil
-Pontevedra, na chamada praza 8 de marzo, logo dunha asemblea de delegadas
-Vigo e Ferrol, en resposta ás duras condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais (en Vigo diante do Corte Inglés, e en Ferrol diante do Centro Comercial Odeón)
O informe fai un percorrido pola situación laboral da Muller no ano 2012 pero tamén polas mudanzas que se deron nas condicións laborais desde que comezou a crise. Nese sentido, a economista Natividade López Gromaz, salientou o incremento da poboación activa, provocado polo aumento do número de mulleres que pasan a ser demandantes de emprego. “Maiores de 55 anos que eran amas de casa e que teñen que saír ao mercado laboral a buscar un posto de traballo, nunha situación na que non hai emprego para ninguén. Ten que ser por mor dunha situación familiar moi precaria”.
A taxa de paro duplicouse nestes anos e pasou dun 10 a un 20% en cinco anos. Un dato que matizou que non medra máis grazas á emigración porque “durante este período marcharon de Galiza 37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos, no mellor da idade laboral e reprodutiva”. En conxunto foron 77.000 persoas as que emigraron nesta franxa de idade. “Sen esta emigración, a taxa de paro incrementaríase até chegar ao 25%. Evidentemente á Xunta de Galiza non lle interesa nada que se coñezan estes datos e segue a presumir de que temos un diferencial de cinco puntos coa media do estado pero se sae isto á luz a situación sería ben distinto”
Ningún comentario:
Publicar un comentario