28/08/14

Novo episodio de persecución sindical contra os delegados da CIG no Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos vén de abrirlle un expediente informativo a unha delegada da CIG, membro do Comité de Empresa e ademais delegada de prevención de riscos laborais. Segundo informa á propia compañeira, este expediente ábrenllo a petición da UGT e á vista dun escrito presentado pola Sección sindical deste sindicato. Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos que este é o último capítulo de persecución sindical perpretado polo goberno municipal coa axuda da UGT, que teima en ir contra os traballadores deste Concello no canto de defendelos. Non sabemos se a UGT o que pretende é recuperar o que perdeu nas urnas perseguindo aos delegados sindicais da CIG.

O expediente, iniciado a petición da Seccion sindical da UGT, céntrase no ocorrido nunha reunión de traballadores na que estaba presente o propio concelleiro da área, e na que se puxo de manifesto que había unha traballadora que non cumpría co seu traballo e isto supoñía unha sobrecarga de traballo para as restantes e acto seguido os membros da UGT do Concello de Betanzos, que nin sequera estaban presentes alí decidiron denunciar ante o alcalde unha versión dos feitos que non coincide co realmente acontecido. Efectivamente dende a CIG defendemos os dereitos dos traballadores que cumpren os seus deberes porque os empregados das Administracións públicas somos os primeiros que debemos dar exemplo e o que non imos defender é aos traballadores que non cumpren coas súas tarefas para que recaian noutros compañeiros.

Dende a CIG amosamos o noso completo apoio á compañeira expedientada e o rexeitamento ás actuacións do goberno municipal amparadas polo sindicato da UGT e consideramos que o PSOE debe recapaitar na súa cruzada contra a CIG e contra os propios traballadores do Concello. Este mesmo goberno foi o que hai dous anos despediu de xeito improcedente ao secretario do Comité de Empresa, entre outros compañeiros, e entre os que curiosamente non estaban os delegados da UGT, hai un ano abriulle un expediente por primeira vez a un dos compañeiros da CIG readmitidos e agora colma o vaso expedientando a unha delegada de prevención de riscos laborais por faladurías que a UGT non pode nin demostrar. É ben sabido que os delegados de prevención de riscos laborais da CIG teñen levado ao goberno municipal neste últimos anos múltiples veces á Inspección de Traballo que se ve na obriga de apercibir continuamente ao Concello de Betanzos, e que estas actuacións tamén teñen sido duramente criticadas pola UGT, sempre partidaria de non denunciar as irregularidades diante da autoridade laboral e tapar toda canta merda hai neste Concello, quizais este último e gravísimo feito non se deba máis que á represión pura e dura ante o traballo sindical da compañeira da CIG.

A maiores queremos denunciar publicamente que o goberno municipal leva a cabo un trato completamente discriminatorio no inicio dos expedientes, posto que cando hai dous anos a propia presidenta do Comité lle comunicou ao Concello un desgradable capítulo que tivo que padecer co secretario municipal por culpa de negarse a dar a conformidade a uns contratos que consideraba irregulares, este mesmo goberno do PSOE non só non iniciou o expediente senón que mesmo negou a existencia da queixa durante meses no pleno e á oposición, dando un trato privilexiado ao secretario municipal fronte ao que posteriormente fixo con varios membros da CIG, e máis aínda neste caso cando vén de lle abrir un expediente a unha delegada da CIG por un feito no que non están implicados nin estaban presentes ningún dos acusadores. Coidamos que é completamente vergoñento o xeito en que o Concello ignora o comportamento completamente antidemócratico dalgúns traballadores e busca escusas para crucificar aos que non fan máis que defender os dereitos do persoal laboral deste Concello e denunciar as irregularidades que levan anos cometéndose.



Betanzos, 28 de agosto de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario