11/08/14

Os contratos temporais incrementáronse en xullo un 25,17%, afianzando a precarización do mercado laboral e a emigración


O abaratamento da contratación indefinida non reverte a brutal temporalidade do mercado de traballo de Galiza, onde máis do 93% dos contratos son eventuais

Os datos do paro rexistrado do mes de xullo confirman a mentira de que  esteamos nunha etapa de crecemento. Malia contabilizarse un descenso nos datos de desemprego no mes de xullo (en Galiza baixou en 12.000 paradas/os), principalmente debido á estacionalidade e á emigración, a precariedade e a temporalidade medran de xeito imparábel, e dos 91.604 contratos asinados, tan só 5.466 se fixeron baixo algunha das modalidades de contratación indefinida en vigor.  
Así, o mercado de traballo segue caracterizado por unha temporalidade brutal: máis do 93% dos contratos de traballo en Galiza son temporais e nin o abaratamento da contratación indefinida (está en pleno vigor a denominada “tarifa plana”) nin a marea de mensaxes do PP sobre as perspectivas económicas, poden ocultar este deterioro do mercado laboral.
Un mes máis, a contratación precaria volve ser a protagonista e se durante xullo se asinaron en Galiza 91.604 contratos, tan só 5.466 foron indefinidos. A maioría do emprego creado o pasado mes ten un carácter estacional, xa que a contratación temporal se incrementou un 25,17% respecto de xuño, fronte á indefinida que só medrou un 1,20%.
A CIG denuncia que estes contratos temporais levan aparelladas unhas condicións laborais e salariais peores, o que á súa vez provoca que haxa menor consumo e, polo tanto, que a economía siga estancada.
Xunto a isto, a CIG alerta do alarmante incremento da pobreza que se está a producir en Galiza, xa que hai 93.700 fogares con todos os seus membros activos no paro. Ademais, un total de 118.100 persoas, o 42% de desempregados/as leva máis de 2 anos en situación de desemprego e xa non ten ningún tipo de axuda, segundo os datos da EPA do último trimestre.
Para o Secretario de Organización da CIG, Paulo Carril,  estes datos “confirman o fracaso das políticas económicas e laborais do PP, e o deixamento de funcións e pregamento do Goberno de Feijoo ás directrices do Goberno español, tal e como demostra o feito de que as empresas continúen a executar EREs e a realizar despedimentos masivos (aí están os  casos de Atento ou  Siemsa-GES), ao tempo que asistimos na Galiza ao desmantelamento de sectores industriais e económicos básicos para a creación de emprego de cualidade e estábel. É dicir, máis paro,  máis emigración, máis precariedade e máis pobreza”.
Á vista desta situación, a central nacionalista reitera  que hai alternativa, como o demostran  as 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego propostas pola CIG a través  dunha  ILP que foi rexeitada polo PP no Parlamento galego.
Pola mesma razón, a CIG rexeita a apertura do diálogo social e a sinatura –a pasada semana- dun Acordo entre o goberno, CCOO, UGT, CEOE e CEPYME supón por parte destes sindicatos avalar tanto as políticas do PP destes últimos anos, como as futuras, e dar un “cheque en branco” ao goberno para aplicar as medidas ditadas pola troika e a UE que foron as que nos levaron a esta situación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario