Considera
urxente recuperar todo o emprego público destruído
Diante
do anuncio realizado tras do Consello de Ministros, a respecto do
incremento do 20 ao 50% da taxa de reposición, que supón un cambio
respecto do anunciado na mesa xeral das administracións públicas do
pasado xoves, a Área Pública da CIG manifesta que “segue a ser
insuficiente” e reclama o 100%, tal e como fixo na propia Mesa e
como ven facendo desde que se impuxo a súa limitación.
A
Área Pública da CIG denuncia que esta taxa de reposición do 50%
non vai chegar para manter os servizos esenciais, nin vai permitir
recuperar todo o emprego público destruído nestes últimos anos.
Por
iso exixe un plan de recuperación de todos os postos de traballo
destruídos nas administracións públicas e denuncia que deste
xeito, “o único que fai o goberno español é deteriorar a
cohesión social, eliminar servizos públicos e seguir aplicando
restricións nas condicións de traballo das empregadas e empregados
deste sector”.
Neste
sentido, María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública,
afirma que “é urxente recuperar todo o emprego destruído, rachar
a barreira da taxa de reposición que segue a manter o goberno e
recuperar os dereitos laborais e sociais do persoal”.
Asegura
que ese 50% non só non vai posibilitar recuperar o persoal perdido
en Sanidade ou Ensino senón que ademais non contempla os servizos
sociais, que se manteñen cunha taxa de reposición do 0%.
Lembra
que o Estado español, neste intre, é un dos últimos países da UE
coa media de traballadores/as públicos/as por habitante máis baixa,
xa que está en 1 por cada 16, mentres que no resto dos países
sitúase en 1 por cada 6 habitantes. Subliña ademais que con esta
decisión non se cumpren as recomendacións da UE, segundo a que o
estado español xa chegou ao teito de destrución de emprego público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario