26/02/15

COMISIÓN NEGOCIADORA DO CONVENIO (VENRES 20 DE FEBREIRO DE 2015)

O pasado venres tivo lugar a Comisión Negociadora do convenio colectivo onde a empresa aclarou algunhas cuestións que ficaran pendentes e que non entendiamos. Resultou un pouco lamentable ter que ir sobre a marcha porque o representante de Galivalia seica non tivera nin tempo a mirar que o Comité de Empresa rexistrara había unha semana e mesmo enviara ao seu correo electrónico, mais as escusas tampouco son nada novo nesta negociación.

Entre os temas solicitados, o Concello accedeu a incluír un grupo B dentro dos grupos profesionais, así como a especificar todas as ocupacións, posto que algunhas faltaban e a relación das titulacións correspondentes a cada categoría.

Un tema moi importante é que está pendente a redacción do apartado de retribucións, que será o que explique polo miúdo as retribucións propostas no anexo I e que se indicou que o Concello faría nos vindeiros días unha proposta de texto baseada no convenio colectivo de Bueu, un dos convenios dun concello galego máis recente e publicado no ano pasado.

Canto ao anexo de retribucións, logo da proposta presentada polo Concello e da contraproposta presentada pola CIG no Comité de Empresa correspondente ao que a UGT non presentou nada porque entendería que lle chegaba coa proposta inicial do Concello, o Concello fixo unha nova contraproposta onde sube un chisco o salario mínimo anual dos grupos 4 e 5 e que para nada é que o agardabamos mais que segundo o Concello é innegociable, é dicir, que ou deixabamos a negociación ou seguiamos con esta proposta que, en principio, afectaría a máis de cincuenta traballadores e traballadoras. 

Esta proposta de retribucións con algunha modificación que o Concello accedeu a estudar relacionada coas dispoñibilidades, traballos en festivo e/ou gratificacións por traballos que deberían ir en nómina entendemos que sería a final e a que os traballadores e traballadoras terán que decidir se lles convence ou non.

En todo caso as novas retribucións quen as propón é o Concello e a proposta inicial presentada por este arranxaría discriminacións salariais existentes nos grupos 1, 2 e 3 e esta proposta final á que o goberno accedeu en parte no proceso de negociación afectaría tamén a algún persoal dos grupos 4 e 5, equiparando retribucións. Se algo está claro é que non se podería considerar unha suba salarial propiamente senón unha equiparación de retribucións do persoal da mesma categoría profesional na medida en que suporía, no caso de se aprobar, un pequeno amaño das discriminacións salariais existentes que o ideal é que iniciase o camiño de cara á equiparación salarial co funcionariado

A CIG tamén fixo unha proposta de compensación para os trienios do grupo 5 que ao adecuarse aos da Xunta perderían uns céntimos con respecto ao que se cobran actualmente e xa no propio Comité indicou que consideraba que isto era inadmisible porque mermaría calquera suba neste grupo, o Concello tivo a ben estudar a proposta do que isto suporía economicamente ao entender que efectivamente podería causar un prexuízo ao persoal deste grupo.

Máis un punto que fica pendente é un anexo de horarios específicos onde conste o horario de todo o persoal que non se rexe polo horario xeral do Concello, así como a incorporación de todas as melloras que aparezan no acordo de funcionarios.

Algo moi importante é que o concelleiro de Persoal se comprometeu na propia mesa a que no caso de chegar a un acordo para o convenio sería independente de que se aprobase un acordo de funcionarios, é dicir, que o noso convenio podería seguir para adiante independemente de que os funcionarios chegasen a un acordo ou non. En todo caso hai que ter en conta tamén que a súa negociación ten menos complicacións na medida en que salarialmente as retribucións van por lei e unha grande parte do persoal ten o maior nivel de cada categoría profesional, así que mesmo a carreira horizontal está en moitos casos esgotada.

SE DESDE A CIG TEMOS ALGO CLARO DESDE O INICIO DA NEGOCIACIÓN É QUE SEMPRE PEDIMOS A IGUALDADE, A NON DISCRIMINACIÓN NIN EN CONDICIÓNS NIN EN SALARIOS E A SOLUCIÓN DOS CONFLITOS HISTÓRICOS DO PERSOAL LABORAL. CON ESTA BASE DE TRABALLO SOMOS OS MEDIADORES ENTRE CONCELLO E TRABALLADORES MAIS NON DECIDIMOS NADA PORQUE QUEN O DEBE E TERÁ QUE DECIDIR É A ASEMBLEA DE TRABALLADORES/AS. E SE A ASEMBLEA DECIDE QUE NON QUERE UN NOVO CONVENIO NON O HABERÁ E SE ENTENDE QUE ESTE NOVO TEN MÁIS PROS QUE CONTRAS DECIDIRÁ APROBALO, MAIS A DECISIÓN, EN TODO CASO, SERÁ DO CONXUNTO DO PERSOAL LABORAL DESTE CONCELLO.

Onte a empresa reuniuse co Concello para tratar algúns dos temas pendentes antes da vindeira Comisión Negociadora, polo momento non tivemos novas ningunhas e estamos á espera de ser convocados de novo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario