A Sala Social do Tribunal
de Xustiza de Madrid confirma unha sentenza que impuña recargo de
prestacións polo accidente dun traballador que sufriu un accidente
cando se desprazaba sobre unha carretilla elevadora, sendo esta unha
práctica prohibida na empresa, pero que se realizaba de xeito
habitual e non era sancionada pola mesma.
En abril de 2007 o traballador accidentado foi
requerido por un compañeiro, condutor dunha carretilla elevadora,
para axudar a cargar unha bobina de plástico; a fin de trasladarse
ao lugar onde tiñan que recoller a bobina, o traballador tentou
subir á forquita esquerda da máquina elevadora, perdeu o equilibrio
e caeu diante da máquina, que o aprisionou.
A carretilla elevadora fora obxeto de revisión en
marzo de 2007, dentro do programa trimestral de revisións ás que se
sometía este tipo de maquinaria dentro da empresa, constatándse que
os mecanismos funcionaban perfectamente; a empresa contaba con plan
de prevención; na avaliación de riscos aparece consignada a
prohibición de subirse ás forquitas da máquina , información que
foi transmitida aos traballadores, prohibición que se atopaba nun
cartel na propia máquina.
A pesares disto, era práctica habitual que os
traballadores se desprazasen nas forquitas da máquina sendo incluso
elevados nas mesmas para recoller material e proceder á carga de
camións, non existindo constancia de que dende a empresa se tomase
ningunha medida de advertencia aos traballadores por este tipo de
actuacións.
A sentenza considera que a tolerancia por parte do
empresario hacia esta conduta incide directamente na ineficacia da
prohibición, xa que de terse sancionado e ter tomado conciencia os
traballadores, se tería contribuído á evitación do accidente.
Ademais indícase que “a imprudencia profesional non temeraria do
traballador, o que sucede neste caso, non elimina as obrigas de
prevención nin, polo tanto, o recargo de prestacións”;
así mesmo “o empresario non pode desprazar o cumprimento do seu
deber de seguridade ao traballador, aínda que este tamén asume
obrigas no ámbito da protección da saúde e a seguridade laboral,
segundo o artigo 29 da LPRL, de xeito que aínda que este último
incumpra as súas obrigas non por eso o empresario queda exonerado do
deber de seguridade que lle impoñen as leis, debendo incluso asumir
e correxir o incumprimento do traballador agás, evidentemente, a
imprudencia temeraria do traballador que se perfila como o límite do
seu deber de previsión. Así a débeda de seguridade non queda
satisfeita coa formación do traballador, coa comunicación das
instrucións axeitadas aos mesmos, coa facilitación de ferramentas e
equipos de traballo axeitados, nin en xeral co cumprimento das
obrigas formais establecidas na lexislación de avaliación e
prevención de riscos, senón que a súa responsablidade chega á
vixilancia e comprobación de que a formación é efectiva, que as
instrucións particulares cúmprense, que as ferramentas e os equipos
empréganse correctamente e que as prevencións contidas na
documentación legalmente esixida sobre prevención de riscos
laborais se observan efectivamente. En suma, ao empresario esíxeselle
a máxima dilixencia posible na prevención de riscos, o que no
caso enxuiciado non sucede, ao terse desentendido do seu deber de
vixilancia”.
O deber de vixilancia e supervisión parte do
empresario e se distribúe por delegación a tódolos niveis
xerárquicos da empresa, polo que resulta inherente a ter persoas a
cargo.
Máis info en
www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario