04/05/15

Horas extraordinarias, o grande tabú deste Concello

Hai xa meses que a CIG solicitou por rexistro a información correspondente ás gratificacións do persoal funcionario do Concello de Betanzos que o goberno municipal se nega a entregarlle. O certo é que con este xesto tan pouco democrático o único que demostra é que debe haber algo que agochar, do contrario, a información sería pública sen problema ningún. Se a isto lle sumamos que o Comité de Empresa leva varios meses sen recibir a información correspondente ás horas extraordinarias do persoal laboral o panorama é aínda máis desalentador.

En múltiples ocasións o concelleiro de Persoal ten indicado que non hai problema con entregar esta información, mais o certo é que o Concello sempre vai a remolque mesmo logo dun informe da asesoría xurídica do Concello que lles indica que lles deben entregar esta documentación mensualmente ao Comité de Empresa. Tamén é certo que estas horas teñen sido obxecto de denuncia na Inspección de Traballo por parte da CIG no pasado, cando había casos que sobrepasaban os miles de euros anuais, mais iso segue sen ser razón suficiente para que o goberno non lles entregue puntualmente aos representantes dos traballadores documentación que por lei lle corresponde.


Ningún comentario:

Publicar un comentario