26/05/15

O 2 DE XUÑO VOTA CIG, CON MÁIS CIG, TI ES MÁIS FORTE

Hai catro anos adquirimos un compromiso de traballo cos compañeiros e compañeiras do Concello de Betanzos coa idea de irmos abrindo camiños entre as silveiras. Esta metáfora servía principalmente para pór de manifesto a falta de información e de transparencia sobre o todo o que lle concernía ao persoal laboral e como os distintos gobernos municipais utilizaron a falta de información existente para negarlle dereitos aos traballadores e "negociar" cos delegados sindicais á marxe dos organismos legalmente habilitados para o efecto, as mesas xerais de negociación.

Desde o momento que a CIG obtivo representación neste Concello a súa máxima foi a homologación de condicións tanto laborais como salariais entre persoal laboral e persoal funcionario, sempre defendendo que con igual traballo, igual salario. Pola contra, con anterioridade e durante moitos anos un mesmo sindicato tivo a maioría tanto en laborais como en funcionarios e negociou de xeito diferente e con claros beneficios para o segundo colectivo aínda recentemente.

A CIG mantívose firme na defensa dos compañeiros despedidos de xeito improcedente durante os pasados anos desde o primeiro momento, defendeunos no Concello e mais nos xulgados, que nos deron a razón, plantoulle cara ao goberno municipal e denunciou publicamente a desmantelación do servizos públicos, informou puntualmente a todo o persoal de todo o que lle afectaba e conseguiu que o goberno municipal respecte aos representantes dos traballadores e por extensión ao propio persoal e cumpra a lexislación vixente de aplicación ao persoal da Administración pública.

O noso camiño está iniciado, conseguimos un punto de partida que era de xustiza, o vindeiro 2 de xuño do teu voto depende que poidamos continuar abrindo camiños, informando, defendendo, dando a cara polos traballadores, e ti, participando nas negociacións, acordos e decisións dos temas laborais que che afectan.


O 2 DE XUÑO VOTA CIG, PARA QUE NON CHE MINTAN, PARA QUE NON TE ENGAIOLEN, PORQUE CON MÁIS CIG TI ES MÁIS FORTE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario