Hai menos dun ano o propio Comité de Empresa e a directora da Escola Infantil Municipal se reuniran co alcalde para lle transmitir a gravidade da situación da Escola Infantil municipal pola negativa a cubrir as baixas sen renovar as listaxes de substitución mentres que para casos como os das auxiliares de axuda a domicilio segue na actualidade usando unhas do ano 2010 sen problema ningún.
Daquela resultou obvio o pouco interese do goberno municipal por un colectivo que estivo meses cubrindo o traballo de compañeiras de baixa, traballando xornadas de dez horas diarias mentres o Concello lles denegaba os permisos de descanso. O Comité de Empresa, por inicitiva da CIG, non só manifestou a súa preocupación e pediu solucións por activa e por pasiva, senón que acudiu á Inspección de Familia e Menores para denunciar a situación. O organismo da Xunta corrobou o denunciado e apercibiu ao Concello instándoo a solucionar de inmediato a situación.
Non fixo falla un ano para que esta situación se repita e se complique coa xubilación anticipada dunha traballadora, a non cobertura inmediata das baixas e a negativa do Concello a cubrir os permisos previsibles coa listaxe de substitución, cando noutros colectivos con listaxes non actualizadas si que o está facendo. Cada día, tal e como se informou ao Concello son varias as franxas horarias nas que o número de educadoras é inferior ao exixido pola lexislación vixente e disto é plenamente coñecedor o concelleiro de persoal, Diego Fernández, e a concelleira da área, María Barral, e en consecuencia, o alcalde, Ramón García.
Non só a directora do centro reiteirou o problema en diversas ocasións senón que a presidenta do Comité tamén llo transmitiu hai unha semana ao concelleiro de Persoal e advertiu que de non se atallar esta situación chegaría a ser grave como o é na actualidade.
Se a día de hoxe a Escola non pechou en determinados horarios e devolveu os nenos para a casa é pola vontade do persoal case obrigado a facer horas extraordinarias se quere manter en pé o servizo, mais as xornadas de dez horas diarias teñen un límite para calquera traballador e resulta unha absoluta vergoña que o goberno socialista de Ramón García leve a esta situación límite ao persoal laboral do Concello.
Hoxe mesmo a presidenta do Comité deixou constancia da situación para advertir, ao igual que no ano pasado, que no momento en que hai un incumprimento da ratio as responsables non poden as traballadoras no caso de que algo aconteza, senón o propio Concello que é o responsable máximo desta situación e das consecuencias que dela se poidan derivar. A necesidade de que quede constancia por escrito vén dada pola urxencia da situación e para que o goberno municipal non poida negar que se lle comunicou enerxicamente a necesidade de solución e é o primeiro paso que o Comité dá de cara a que se poida solucionar de inmediato a situación.
Na reunión ordinaria do Comité de Empresa que terá lugar mañá, a CIG proporá continuar coas medidas oportunas no caso de que isto non se solucione de inmediato e volverá a denunciar ante a Inspección de Familia e Menores a situación se non se resolve. Igualmente, tal e como xa se lle transmitiu ao Concello, non fan falla só solucións puntuais, fai falla un estudo das medidas necesarias para que esta situación non se volva repetir no futuro, tal e como veu acontecendo nos últimos tempos.
Desde a CIG consideramos un abuso que o Concello lles pida expresamente ás traballadoras que fagan horas extraordinarias para que estea cuberto un servizo municipal e que aínda por riba lles afirmen que lles van denegar os permisos que lles corresponden porque pola situación do servizo non teñen dereito a descanso. O partido socialista que goberna Betanzos demostra ser o máis antiobreiro de todos con esta actitude de pedirlle todo ao persoal a cambio de nada, a cambio de coutar dereitos e ter ao persoal dalgúns colectivos nunha situacióncada vez máis pésima.
Hai que lembrar, ademais, que o novo convenio facía un principio de xustiza tamén con este colectivo de traballadoras, cuns dos salarios máis baixos do Concello a pesar da responsabilidade e da titulación que os seus postos lles exixen. Este era outro dos puntos nos que o goberno de Ramón García podería ter demostrado maior compromiso cun colectivo que mantivo durante meses o servizo en pé grazas ás horas extraordinarias, mais nin iso, porque o convenio segue paralizado un ano e medio despois da aprobación no pleno e neste Concello semella que o que non vai ao peto ou ao lombo dos concelleiros non importa.
SOLUCIÓNS XA!
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!
Podedes consultar o documento rexistrado polo Comité de Empresa aquí:
Novas relacionadas co tema:
Ningún comentario:
Publicar un comentario