19/10/16

O Concello contrata, máis un ano, con diversas irregularidades a diversos traballadores

Un ano máis, o Concello insiste en non deixar vellos costume e contratar a persoal sen proceso selectivo. Un ano máis segue sen solucionar os graves problemas de xestión de persoal que derivan en presuntas contratacións fraudulentas que se producen á marxe da necesidade de procesos selectivos e con retribucións non contempladas no convenio colectivo, non negociadas cos representantes dos traballadores e que privilexian a unha parte do persoal laboral fronte ao resto.

A recorrencia desta cuestión xa é abafante se temos en conta que o Comité de Empresa leva cinco anos pedindo explicacións por escrito sobre a situación o goberno municipal socialista non foi quen de responder en todo este tempo nun claro alarde do incumprimento non só das obrigas de información aos representantes legais dos traballadores senón deixando claro que a Lei de transparencia e a obrigatoriedade da resposta ás solicitudes (porque o silencio administrativo debe ser unha excepción, cando neste Concello é norma) son temas que non lle importan nin o máis mínimo ao PSOE de Betanzos.

A situación non só é irregular polas retribucións senón porque o goberno teima en non solucionar un problema histórico de contratación deste persoal que o lóxico sería que fose fixo discontinuo, contratado durante o curso escolar, mais isto é absolutamente imposible nun Concello onde o 100% do persoal é temporal. Do contrario, se non son fixos e cada ano se asina un contrato o preceptivo é que haxa un proceso selectivo, ao igual que pasa con tantos outros postos que ano tras ano son convocados e seleccionado o persoal. Máis incomprensible é aínda que haxa profesorado do mesmo centro que está contratado durante todo o ano de xeito continuo, a pesar de que só imparte aulas no curso e non ten ningún outro posto nin responsabilidade que exixa tal contratación en diferenza de condicións que o resto, o que agranda as discriminacións mesmo entre o propio persoal do mesmo servizo. Sobre esta cuestións tamén se lle ten preguntado ao goberno municipal con nulo éxito de resposta, ao igual que con tantas outras discriminacións entre o persoal laboral.

Tendo en conta a situación, que se torna gravísima se temos en conta a nova paralización do convenio colectivo vixente E QUE O GOBERNO MUNICIPAL DECIDE UNILATERALMENTE QUE HAI PERSOAL QUE SI QUE PODE COBRAR Á MARXE DO CONVENIO VIXENTE PARA TER SALARIOS SUPERIORES, o Comité de Empresa vén de rexistrar unha solicitude que podedes ver aquí e que vén a solicitar o seguinte:

  1. Que o Concello informe ao Comité de Empresa sobre o proceso selectivo dos contratos anteriormente mencionados e que lle achegue toda a documentación do expediente relativo a estas novas contratacións.
  2. Que se informe como se determinan estas retribucións e os motivos polos que non se rexen polo mesmo sistema que o resto do persoal laboral, nin polo incluído no convenio colectivo nin na Relación de Postos de Traballo. É preciso lembrar que as retribucións son materia de negociación e en non poden ser impostas pola Administración e moito menos acordar unilateralmente pagarlle a uns determinados traballadores unhas retribucións superiores ás do resto e contraconvenio.
  3. Que o Concello informe ao Comité de Empresa con urxencia sobre esta situación que está a producir un agravio discriminatorio deste colectivo fronte ao resto do persoal laboral da Administración e dea os pasos oportunos de cara a corrixila.
  4. Que o Concello informe sobre o motivo da non coincidencia dos horarios indicados nalgúns dos contratos cos que realmente se publicitan como os das actividades da Escola Municipal de Folclore.


Podedes ver unha pequena historia das contratacións que o Concello leva facendo sen proceso selectivo máis abaixo, e que demostra que neste Concello, ano tras ano, hai procesos para múltiples postos, porque a non ser que haxa unhas listaxes vixentes, cada posto precisa un proceso de selección, agás no caso do profesorado do Conservatorio municipal e mais do monitorado da Escola Municipal de Folclore.

O CONCELLO CONTRATA A DETERMINADOS TRABALLADORES DE XEITO IRREGULAR E CON SALARIOS SUPERIORES AOS DO CONVENIO APLICADO AO RESTO DE LABORAIS

Novas solicitudes con respecto aos contratos, desta volta sobre o Conservatorio e a Escola Municipal de Folclore

Ningún comentario:

Publicar un comentario