Os problemas evidentes que arrastra este Concello na xestión de Persoal veñen motivados pola temporalidade e a histórica desastrosa xestión da área que supón que na actualidade o 100% do persoal sexa temporal, coas consecuencias que isto esta a ter co constrinximento da reposición que as políticas de dereitas impulsaron nestes últimos anos. Isto non quita que ata hai uns anos as posibilidades de consolidación eran vontade exclusiva de gobernos municipais aos que pouco lle importaron as consecuencias da temporalidade do seu persoal (entre os que obviamente está o que goberna na actualidade) e que funcionarizaron a unha parte do persoal, mentres compañeiros e compañeiras laborais levan máis dun cuarto de século traballando nesta Administración local cun contrato por obra ou servizo, é dicir, en presunta fraude, e sen que nunca houbese un proxecto firme de solución da situación.
Este panorama serviu como escusa perfecta para levar adiante as políticas privatizadoras que supuxeron unha importante redución do emprego público e que padecen nomeadamente os compañeiros e compañeiras de servizos. A limpeza, xa privatizada polo PSOE nos edificios municipais a pesar e en contra de acordos plenarios ,segue enchendo os petos das empresas cando mesmo o Concello non cubre as baixas coa lista de substitucións vixente e bota man de empresas privadas, como ten pasado recentemente. Por iso, e tendo en conta que hai outra baixa máis neste sector e que leva días sen se cubrir, o Comité de Empresa solicitou a súa cobertura inmediata e manifestou a súa enérxica repulsa á privatización dos servizos municipais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario