13/12/16

O Pleno aproba por unanimidade a moción proposta polo Comité de Empresa aos catro partidos da oposición sobre o convenio colectivo

Logo de que o Comité de Empresa decidise dar un paso máis nas reclamacións para facer efectiva a entrada en vigor do Convenio colectivo que asinou o 20 de xuño co alcalde, o pasado 29 de novembro o Pleno da corporación aprobou por unanimidade a proposta enviada polo Comité de Empresa e que podedes ver en www.cigconcellobetanzos.blogspot.com. Igualmente, nese mesmo pleno o goberno municipal informou de que o texto do convenio colectivo irá ao pleno ordinario do mes de decembro e que para ese momento estarán xa os informes da Intervención e a Secretaría municipal. 

O Comité de Empresa decidiu falar cos partidos da oposición (PP, BN, BNG e CxG) para intentar dar un paso máis e conseguir máis apoios para que o goberno municipal continúe coa tramitación do convenio colectivo. 

Esta moción envióuselle a todos os partidos con representación no Concello de Betanzos agás ao goberno municipal, entendendo que as vías de diálogo con respecto a este tema estaban esgotadas toda vez que a escusa era a mesma sempre e non se vían avances en cinco meses e logo de cinco longos anos de negociación dun novo convenio colectivo. Os catro partidos da oposición amosaron o seu apoio á demandas dos traballadores e presentaron por rexistro unha moción conxunta para o pleno ordinario de novembro.

Os acordos foron estes:
1. Instar ao goberno local a finalizar a tramitación do expediente do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos, asinado o pasado 20 de xuño de 2016.
2. Someter coa maior brevidade posible á consideración plenaria o novo texto do Convenio colectivo acordado cos representantes dos traballadores laborais na Comisión Negociadora que tivo lugar o pasado 20 de xuño de 2016.
3. Axilizar a tramitación que corresponda nos organismos pertinentes, logo do seu sometemento á aprobación plenaria.
4. Facultar á Alcaldía, ou concelleiro/a en quen delegue, a adoptar as medidas precisas para cumprir estes acordos.



A representación do Comité de Empresa agradeceulle aos catro partidos da oposición o seu apoio e transmitiulle a súa satisfacción polo acordo porque considera que o apoio conxunto dos partidos da oposición demostra que este tema, así como outros laborais deste Concello, teñen un consenso na necesidade de solucións a problemas históricos e mellora de determinadas situacións existentes.

Podedes ouvir as intervencións do pleno con relación a esta moción aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario