11/01/17

A CIG vese na obriga de volver á Inspección de Traballo por un tema de seguridade e saúde laboral

O Concello de Betanzos ten moitas materias pendentes, mais unha das máis grandes é a seguridade e saúde laboral. De feito, ata que a CIG tivo representación neste Concello descoñecemos que sequera se chegase a constituír o Comité de Seguridade e Saúde, facendo caso omiso á Lei 31/95 de prevención de riscos laboral (total... que son vinte anos para cumprir unha lei!).

O funcionamento do Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Betanzos é bastante anormal desde o punto de vista dun Concello que parece que pasa por alí, que non vai con el a cousa nin é responsabilidade súa, e unha mutua que funciona pesimamente máis coa que a Administración non rompe relacións por un motivo descoñecido para nós. A mutua contratada pola Administración debe responder e cumprir o contrato (que tamén descoñecemos)  mais as queixas do persoal e a súa ineficacia non seu funcionamento son unha constante. Sen ir máis lonxe os delegados de prevención solicitamos hai meses información tan básica como os itinerarios de vixilancia de saúde do persoal que ninguén é quen de achegar a pesar de que tanto a mutua como o Concello din que non hai problema ningún.

Na última reunión do Comité de Seguridade e Saúde tamén se pediu algo tan básico como a documentación e certificación con conformidade de todos os equipos de traballo que se están a utilizar. Simplemente os papeis que acrediten que os equipos que manexa o persoal teñen todo en orde, e a día de hoxe aquí ou non existe nada ou o gardan e protexen por algún motivo que tamén descoñecemos.

A maiores, outro tema que nos ten preocupados aos delegados de prevención da CIG son os Plans de evacuación dos distintos edificios municipais, dos que solicitamos información e documentación na última reunión e sobre o que seguimos á espera. Tendo en conta a gravidade da situación, que no ano 2017 os delegados de prevención do Concello de Betanzos non teñamos os Plans de emerxencia dos distintos edificios municipais, desde a CIG decidimos comezar unha cadea de denuncias para que o Concello facilite a documentación destes plans dos diferentes edificios porque non só está en xogo a seguridade dos compañeiros e compañeiras, tamén o está a da cidadanía que acude a diario ás distintas dependencias municipais, e consideramos gravísimo que o Concello non só non lle dea prioridade a esta cuestión, senón que nin sequera lle dea a importancia que ten.

O camiño das denuncias na Inspección de Traballo nunca é agradable, mais sempre que o Concello non nos dea alternativa velaremos por aquelas cuestións que consideramos que deben ser coñecidas polas autoridades competentes para que insten ao Concello de Betanzos a solucionar as deficiencias existentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario