27/06/17

Nova denuncia na Inspección de Traballo por un posible caso de cesión ilegal de traballadores

A pasada semana os representantes do Comité de Empresa formularon unha nova denuncia na Inspección de Traballo provincial contra o Concello de Betanzos informando dun posible caso de cesión ilegal de traballadores dunha traballadora que ocupa un posto de traballo no segundo andar da Casa do Concello e que realiza labores administrativos relacionados coa Feira Franca Medieval desde comezos deste mes de xuño.

No Departamento de Persoal, logo de facer unha consulta verbal, teñen descoñecemento da existencia dun contrato do Concello con esta traballadora, polo que se deduce que foi contratada por unha empresa privada e ofrece os seus servizos nas dependencias municipais, traballando ás ordes directas de empregados municipais e con material do Concello, ademais de posiblemente con datos da cidadanía, o que é aínda máis grave.

O goberno municipal ten pleno coñecemento desta situación posto que esta traballadora tamén recibe ordes de concelleiros directamente que optan por substituír empregados públicos por persoas contratadas a dedo ano tras ano e a través de diferentes empresas, diferentes empresas si, diferentes persoas non, o que demostra que hai un claro interese en que esta contratación non se realice baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade que rexen o acceso ao emprego público.

Os delegados sindicais solicitáronlle á Inspección provincial que investigue a situación e tome as medidas que considere oportunas para atallar esta situación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario