27/07/17

Proposta realizada á Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento do Convenio Colectivo

Hoxe, 27 de xullo, e logo do decidido na reunión da Comisión Paritaria Mixta de Seguimento e Control do Convenio Colectivo os representantes na Comisión Paritaria da CIG e da UGT chegaron a un acordo de proposta conxunta de definición de "evento" no relativo ao anexo III do Convenio colectivo do persoal laboral para o pagamento do Complemento de Funcións Extraordinarias que se presentou no rexistro de Persoal.

O documento rexistrado indicaba o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO: Que na reunión enriba mencionada, logo de non chegar a un acordo para a definición e aplicación do Complemento de Funcións Extraordinarias, recollido no anexo III do Convenio colectivo do persoal laboral, acordouse que os representantes do persoal na devandita Comisión achegasen unha proposta de definición do concepto “eventos” para a aplicación deste complemento que o Concello estudaría e cuantificaría de cara a convocar unha nova reunión da Comisión Paritaria que resolvese esta cuestión.

SEGUNDO: Que a proposta de definición do concepto “evento” para o pagamento das horas realizadas como Complemento de Funcións Extraordinarias é a seguinte:

"Evento é todo aquel que o Concello de Betanzos realiza con carácter periódico e fixo na programación das actividades das diferentes área municipais. A contía indicada no Complemento de Funcións Extraordinarias aplicarase só ás horas extras necesarias para a execución da actividade correspondente no mesmo día en que está programada e que se realicen en día de non traballo ou día festivo."


POR TODO O EXPOSTO:

Solicitámoslle ao Concello que realice os trámites oportunos de cara a valorar a proposta realizada e convoque a Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento do Convenio Colectivo para a resolución desta cuestión en canto sexa posible e a aplicación do anexo III do Convenio colectivo vixente na súa totalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario