21/09/18

O Comité de Empresa reitéralle ao Concello que lle dea cumprimento aos acordos do Convenio colectivo incumpridos

O Comité de Empresa reiteroulle ao Concello que lle dea cumprimento aos acordos da Comisión Paritaria do 18 de xullo, 9 de abril de 2018, 11 de maio de 2018 e 21 de xuño de 2018.

Aí mesmo, logo de cinco solicitudes e moitísimas reunións co concelleiro de Persoal para intentar solucionar este tema sen acudir a outra instancia, a CIG solicitará o asesoramento legal correspondente para continuar cos pasos oportunos.

O feito de que o Concello de Betanzos non lle dea cumprimento aos acordos está a ter múltiples repercusións para os traballadores laborais, desde a perda de trienios e a absorción en contra do que indican os orzamentos das subas estatais, ata a discriminación no pagamento de funcións extraodinarias por unha interpretación que se vén facendo desde a aprobación do Convenio e que beneficia a determinadas postos de traballo e áreas, a pesar de que no acordo tomado cos represantes dos traballadores o catálogo de traballos é máis amplo que vén aplicando o Concello.

Por outra lado, derivado deste conflito, xa hai traballadores que presentaron demandas xudiciais pola absorción que o Concello de Betanzos lles fixo dos trienios por antigüidade e mesmo xa hai datas para algún dos xuízos; mais é lamentable que o persoal laboral teña que continuar acudindo ao xulgado para facer dereitos que veñen claramente contemplados na lexislación vixente, así como que o Concello se nege a facer efectivos os acordos que toma cos representantes dos traballadores.

A solicitude rexistrada indicaba o seguinte:


COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO. Que na Comisión Paritaria Mixta do Convenio Colectivo do persoal laboral do do 18 de xullo de 2017, 9 de abril de 2018, 11 de maio de 2018 e 21 de xuño de 2018 tomáronse unha serie de acordos sobre diversos aspectos do Convenio colectivo en vigor que están pendentes de modificarse.
SEGUNDO. Que o artigo 13.2. do Convenio colectivo vixente indica os prazos de resolución da Comisión Paritaria e esta ten varias cuestións pendentes de resolver fóra dos prazos marcados no devandito convenio.
TERCEIRO. Que estas modificacións do Convenio colectivo, segundo indicou o propio Concello, deben aprobarse polo pleno da Corporación para a súa posterior entrada en vigor e ata onde temos coñecemento non se levaron para tratarse no devandito órgano.
CUARTO. Que este Comité de Empresa leva máis dun ano intentando resolver os problemas derivados da interpretación unilateral que o Concello de Betanzos fixo do Convenio colectivo do persoal laboral no momento que entrou en vigor (7 de abril de 2017), tal e como consta en múltiples solicitudes, así como nas catro reunións da Comisión Paritaria nas que nos temos xuntado sen que ata o momento o Concello continuase cos pasos oportunos para que as modificacións mencionadas se fagan efectivas.
QUINTO. Que entendemos, tal e como indica o propio Convenio colectivo, que a Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento é o órgano encargado de interpretar a totalidade dos artigos e cláusulas do Convenio e resolver aquelas cuestións que sexan sometidas polas partes, mais o Concello de Betanzos teima en que a interpretación das cláusulas non é suficiente e é precisa unha modificación do Convenio para facer efectiva esta interpretación e isto é o que leva dilatando máis dun ano a aplicación dos criterios acordados cun prexuízo para os traballadores e traballadoras afectadas pola interpretación unilateral que o Concello fixo desde abril de 2017.
SEXTO. Que o 11 de xullo este Comité de Empresa xa lle solicitou ao Concello que lle dese cumprimento aos acordos nomeados da devandita Comisión.
SÉTIMO. Que no caso de que o Concello de Betanzos non resolva esta cuestión, o Comité de Empresa tomará as medidas oportunas para facer efectivos os acordos adoptados por ambas as partes.
POR ISO, SOLICITO:
Que o Concello de Betanzos lle dea cumprimento aos acordos adoptados pola Comisión Paritaria Mixta de Seguimento e Control do Convenio Colectivo nas diversas reunións que esta tivo desde o 18 de xullo de 2017 ata o 21 de xuño de 2018 e faga os trámites oportunos para que estes entren en vigor coa maior brevidade posible.


Ningún comentario:

Publicar un comentario