A CIG, que presentou a denuncia,
reclama a execución da sentenza
O Tribunal Supremo (TS) vén de emitir
un auto no que rexeita o recurso de casación interposto pola
Deputación de Ourense contra a sentenza do TSXG que confirmaba unha
anterior do Xulgado do contencioso administrativo número 2 de
Ourense que anulara a resolución da Presidencia pola que se
aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria de concurso interno
ordinario para a provisión de 98 postos de traballo.
Segundo explican dende a CIG, a
anulación do concurso -confirmada polo TSXG e agora polo TS-
afecta a ducias de empregos da Relación de Postos de Traballo (RTP),
que xa están ocupados por aquelas persoas ás que se lles
adxudicaron tras o proceso de concurso invalidado. Lembran que
inicialmente a convocatoria de concurso fíxose para 98 empregos,
aínda que ao final algúns non foron cubertos.
Ao mesmo tempo, anuncian que no caso de
que non se produza un cumprimento inmediato da sentenza por parte do
órgano provincial a central solicitará a súa execución xudicial
“para que a situación do persoal da Deputación volva á
legalidade”.
Finalmente, pregúntanse quen vai
asumir no Goberno da Deputación a responsabilidade “dunha desfeita
que ten un alto custe para a cidadanía, que frustra as expectativas
dos traballadores/as e que supón botar man de prácticas dirixidas a
impedir o desenvolvemento dos principios de mérito e capacidade nas
institucións públicas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario