16/10/19

UXT e CSIF alíanse nunha candidatura única para o Comité de Empresa

Hoxe disolveuse o Comité de Empresa anterior e constituíse o novo Comité de Empresa, cos seguintes delegados/as:

Rosa García López, delegada da CIG
Xurxo Amarante Rodríguez, delegado da CIG
Marcos Dopico Sánchez, delegado da CIG
Silvia Muíño Naveira, delegada da CIG
Santiago Ois Álvarez, delegado do CSIF
Mónica Isabel Bóveda González, delegada do CSIF
Victor Romay Ares, delegado do CSIF
Marta Castaño Neira, delegada do CSIF
José Ángel Montes Patiño, delegado da UXT


Así mesmo, votouse a orde do día, da que UXT e CSIF propuxeron eliminar a proposta da CIG de nomear os/as delegados/as de prevención de riscos laborais. Desde a CIG insistimos na importancia deste nomeamento e a nosa proposta era que cada un dos sindicatos tivese un delegado, dos tres que lles corresponden ao persoal laboral, mais os outros sindicatos teimaron en adiar este nomeamento facilitándolle ao goberno municipal que continúe coa paralización do Comité de Seguridade e Saúde.

A seguir, negociouse o regulamento de funcionamento do Comité de Empresa, a pesar das insistencias do actual presidente do Comité de Empresa, Santiago Ois, en que non se negociase nada e simplemente se votasen as dúas propostas e de berralo insistentemente en varias ocasións. Cómpre ter en conta que a CIG achegoulle as súas propostas a todos os delegados e delegadas hai dúas semanas e solicitou que, de haber máis propostas, se enviasen canto antes, mais o correo coa proposta da CSIF chegou hoxe ás 10:00 h da mañá para a reunión de hoxe mesmo ás 12:30 h. En todo caso a seguir negociouse o regulamento, que foi votado a favor polo CSIF e UGT e do que se abstiveron os delegados da CIG. Este regulamento, por tanto, non foi finalmente aprobado, xa que para selo precisaría o voto favorable de 2/3 dos delegados do Comité de Empresa.

En último lugar presentáronse as candidaturas para os cargos aprobados no regulamento e a CIG presentou a seguinte:

Presidenta: Rosa García
Secretaria: Silvia Muíño
Vicepresidente: Xurxo Amarante
Vicesecretario: Marcos Dopico

A candidatura da CIG, o sindicato con maior número de votos nas eleccións sindicais, obtivo 4 votos fronte aos 5 da candidatura conxunta de CSIF e UGT, que puxo á fronte do Comité de Empresa a Santiago Ois polo CSIF (que fora delegado da UGT nos anos 2011-2015) como presidente, e José Ángel Montes pola UXT como vicepresidente. 

A nova directiva do Comité de Empresa é unha boa nova para o goberno municipal do PSOE, xa que deixa á fronte dos traballadores laborais ao sindicato dos funcionarios que apoia e defende a desigualdade salarial entre persoal laboral e funcionario (ao igual que o goberno do PSOE nas negociacións da RPT). Así mesmo, do acordo da UXT e CSIF resulta como presidente do Comité de Empresa un traballador que fai as veces de coordinador, sen nunca ter accedido ao posto a través dunha provisión por concurso de méritos, e que ademais lle deu as costas ao persoal que dependía directamente del cando foi despedido aló polo ano 2012, ademais de ser un dos "agraciados", xunto co actual vicepresidente, co non despedimento que si que lle afectou ao resto do anterior GRUMIR.

Na quenda de intervencións a CIG adiantoulle ao novo presidente que urxiría unha reunión extraordinaria para o nomeamento dos delegados de prevención de riscos e mais a apertura da renegociación das retribucións do Convenio colectivo do persoal laboral. Así mesmo debateuse amplamente a cuestión do local sindical situado na alameda José Veiga Roel que ata este momento fora cedido exclusivamente do Comité de Empresa, mais que co novo regulamento apoiado por CSIF e UGT pretenden que sexa cedido aos sindicatos, e non exclusivamente aos membros do Comité de Empresa. Neste punto en concreto, o asesor da CSIF, que asistiu á reunión, estivo falando de cuestións que lle afectan aos delegados de funcionarios e que para nada son obxecto do Comité de Empresa; así, a CIG indicoulle que no Comité de Empresa preocupámonos polos problemas do persoal laboral e que os delegados de funcionarios fagan o que estimen, mais ese non é o lugar para tratar esas cuestións.

Por primeira vez en oito anos nun Comité de Empresa se falou das bondades do feito polos delegados do CSIF do funcionariado, cando neste órgano só se deben tratar temas relativos ao persoal laboral e aínda máis, tendo en conta que eses mesmos delegados defenden que os laborais cobremos menos que os funcionarios, semella case un insulto para o persoal laboral que se perda o tempo con estes temas.

A CIG seguirá na súa liña de traballo habitual e continúa á espera da resolución da Inspección de Traballo arredor de dúas denuncias presentadas este mes por incumprimentos do Concello, ademais, se algo temos claro logo de oito anos de traballo é que a quen temos de fronte é a un goberno municipal que menospreza o persoal, vulnera a Lei de prevención de riscos, incumpre o Convenio colectivo e discrimina ao persoal laboral fronte ao funcionariado. Está claro que un sindicato que defende nas mesas de negociación que o persoal laboral debe cobrar menos polo mesmo traballo ten como única finalidade desartellar o máximo órgano de representación do persoal laboral para que non se dean pasos adiante, mais en fronte sempre terán á CIG, que seguirá defendendo que a igual traballo, igual salario e que todos os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos temos os mesmos dereitos.

2 comentarios:

  1. Ningún sindicato debería atacar a ningún traballador, cando están para defender os seus dereitos, que creo que é o que se está a facer nesta comunicación. Hai que respectar a diversidade e pluralidade de ideas, por iso vivimos nun país democrático. Defender os dereitos dos traballadores pódese facer de moitos xeitos, e non facelo ao estilo que lle gusta á CIG non ten por qué ser aliarse co Concello e non mirar polos traballadores. Paréceme indignante o ataque persoal a Santiago Ois dende un sindicato que dí ser o único que mira polos traballadores, considero que eses ataques raian a difamación, cando non o son xa directamente. Esta comunicación está chea de mentiras e tamén de medias verdades coa intención de manipular a información transmitida aos traballadores e traballadoras. Ése non é o camiño compañeiros e compañeiras. Neste barco imos todos xuntos e debemos todos remar na mesma dirección, aínda que cada quen o faga á súa maneira. Pido respecto e educación, así como intentar informar coa verdade, aínda que non guste. Por último, só engadir que os funcionarios non son os inimigos do persoal laboral. É evidente que o comité de empresa ten que velar polos dereitos do persoal laboral, pero isto non significa atacar aos compañeiros funcionarios. Oxalá non se volva dar unha nota tan bochornosa coma esta, que deixa á CIG a unha altura nefasta.

    ResponderEliminar
  2. A CIG non mente nin ataca a ninguén, deixa constancia de feitos verídicos e comprobables que están na memoria do persoal.

    Non existe ningún enfrontamento co funcionariado, mais si cos sindicatos que se dedicaron e dedican a defender ao funcionariado en detrimento do persoal laboral. A CIG só pretende a equiparación de dereitos e retributiva co funcionariado.

    Finalmente, aconsellamos denunciar os feitos que se consideren constitutivos de delito e comprometémonos a publicar a sentenza correspondente. Así mesmo, de aquí en diante só publicaremos comentarios realizados por persoas que acrediten a identidade e que non utilicen o anominato para verter mentiras.

    ResponderEliminar