Chama a pendurar
bandeiras vermellas ou da patria nas xanelas e a cantar a
Internacional ás 12:00 horas do mediodía
CIG presentou
esta mañá, en videoconferencia, a campaña arredor da que xirará
este ano a súa conmemoración do Primeiro de Maio, Día
Internacional da Clase Obreira. Unha xornada que a central sindical
celebra baixo o lema “Protexamos a clase traballadora, non o
capital. Por unha Galiza soberana e con futuro” e que este ano
estará marcada pola situación de emerxencia sanitaria.
Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento a
manter o carácter combativo e reivindicativo da data, a que se
penduren das xanelas e balcóns bandeiras da patria e vermellas e a
entoar, ás 12:00 horas do mediodía a Internacional.
Carril, apuntou que
cómpre mobilizarse para exixir “políticas que garantan os nosos
dereitos como clase traballadora, o benestar das maiorías sociais,
pero tamén a autodeterminación, a soberanía dos pobos e nacións,
para construír un mundo moi necesitado de solidariedade,
cooperación, igualdade e paz”.
Denunciou que aínda
que o covid-19 ataca a poboación en xeral, “o
seu impacto discrimina entre persoas ricas e pobres, non afecta por
igual a todas ás clases sociais”, polas grandes desigualdades
económicas e a inxustiza social, consecuencia “das devastadoras
políticas neoliberais aplicadas desde a crise financeira”.
Lembrou que a crise
sanitaria converteuse nunha crise económica e social que ademais ten
lugar cando “xa estabamos dentro dunha recesión económica”. Por
iso advertiu que non se pode permitir “que desta nova crise
neoliberal este sistema pretenda recuperarse do seu fracaso, de tanta
adoración do privado e criminalización do público, cun novo saqueo
á clase traballadora”.
Papel de
Feixóo
A ese respecto
sinalou que no caso concreto de Galiza “estabamos de cheo nunha
crise social, industrial, demográfica que xa de por si tiña o
impacto dunha situación de emerxencia nacional e social” e
denunciou que a xestión da crise sanitaria polos gobernos galego e
español “vai na dirección contraria a unha saída xusta para a
clase traballadora e para o pobo galego”.
Nese sentido
manifestou o seu rexeitamento polo feito de que todos os decretos de
estado de alarma aprobados deixaran en suspenso “as xa de por si
limitadas competencias e capacidades de Galiza”. Unha
recentralización que considerou que serviu “de escusa perfecta ao
Goberno de Feixoo para tapar o seu proxecto ruinoso para o noso país,
baseado nun modelo dependente e antigalego, reaccionario e
privatizador da sanidade pública e da atención ás persoas
maiores”.
Ademais denunciou
que nesta crise “xogou a ampliar o caos, o abuso patronal e a
inseguridade para quen traballa”, ademais de facer anuncios
electoralistas. En concreto lembrou que “Feixoo favoreceu, co
atraso da aprobación dos ERTE, que as persoas traballadoras non
puidesen cobrar en abril” e que agora ”quere aparecer como
salvador ofrecendo créditos a quen lle negou o cobro do salario,
demostrando así o miserábel que é facendo electoralismo co pan das
traballadoras/es e as súas familias”.
Profesións
esenciais, feminizadas e desvalorizadas
Carril rexeitou que
as medidas adoptadas polos diferentes gobernos tiveran “unha maior
e descarada preocupación pola saúde da economía que pola saúde da
poboación”, como se demostrou “cando se negaron a parar todo,
agás as actividades esenciais, pola emerxencia sanitaria, ou no
escaso control para garantir un traballo en condicións seguras para
os sectores en activo”.
Considerou que o que
tamén demostrou esta crise foi que as profesións feminizadas
“resultaron servizos esenciais e imprescindíbeis para o sostén da
vida” mais denunciou que “seguen a estar desvalorizadas,
desenvolvéndose en condicións de precariedade e inseguridade”.
Propostas da
CIG fronte as medidas inxustas
O secretario xeral
da CIG denunciou “ a imposición de fórmulas inxustas, desde o
primeiro día, que se fundamentan nas reformas laborais, como foron
os ERTES indiscriminados, os despedimentos masivos, o teletraballo
sen dereitos e control e os permisos e reducións de xornada para
coidados da poboación vulnerábel”.
Por iso apuntou toda
unha serie de modificacións legais e de financiamento público
urxentes das que deu conta. En relación aos ERTES, denunciou que
calquera prórroga en base ás medidas acordadas conforme ao Decreto
8/2020 e seguintes “constitúe un abuso e grave prexuízo para a
clase traballadora”. Por iso demandou a derrogación das reformas
laborais do 2010 e 2012, “restablecéndose, como versión menos
mala, a vixente con anterioridade, durante todo o tempo que non poida
entra en vigor un novo marco legal”.
Demandou ademais a
“prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con calquera
outra medida consistente nun descolgue salarial, inaplicación de
convenio colectivo, de modificacións substancial das condicións de
traballo ou de mobilidade xeográfica e/ou funcional”.
Garantías
de cobro para as traballadoras e traballadores afectados
Xunto a isto, exixiu
o pago inmediato do paro, habilitando un procedemento especial e
extraordinario, coa confección nóminas para efectuar os pagos
semana a semana, até a posta ao día que permita retomar os pagos a
mes vencido porque, advertiu, “manter a forma ordinaria de pago das
prestación é causar un retraso de graves consecuencias” ou
garantir o cobro, durante todo o ERTE, do 70% da base reguladora de
cada persoa traballadora.
Ademais demandou que
no pago das prestacións por desemprego á persoa traballadora non se
lle desconte 4,7% da base de cotización e defendeu que teñan a
mesma consideración, á hora de acollerse a todas as medidas
referidas a esta protección do SEPE, todas as persoas traballadoras,
“incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou
que desde o 1 de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo
prestación por desemprego”.
Xunto a isto
defendeu que todo o tempo de desemprego, desde a data que tivo lugar
por despedimento ou aplicación de ERTE por causa do covid-19,
entenderase por non consumido e que “toda persoa traballadora,
independentemente do tempo cotizado, teña dereito á prestación por
desemprego”.
Controlar a
fraude empresarial
Carril explicou
ademais que a CIG considera imprescindíbel que,para poder acollerse
ao ERTE, as empresas cumprancondicións e garantías como completar
até o 100% dos salarios ou reincorporar progresivamente a todo o
persoal temporal da empresa principal ou externas (ETT,s , empresas
multiservizos…) que foi despedido e, como data límite, o último
mes de vixencia do ERTE. Isto xunto coa garantía de incremento
salarial dos convenios colectivos pendentes de renovar de
acordo ao 1%, en función do IPC real final do ano 2019 e da
aplicación das cláusulas de revisión salarial.
En relación ao
teletraballo o secretario xeral da CIG demandou “control e
garantías sobre o dereito á desconexión dixital, dereito á
protección de datos e uso de internet”.
Canto ás reduccións
e adaptación de xornada para atención á poboación vulnerábel,
incidiu en que as empresas teñen que garantir a súa concesión
automática a solicitude da persoa traballadora, mais demandou que se
garanta que as persoas traballadoras que non teñan outra
alternativa, non vexan reducidos os seus ingresos en máis do 30% da
súa base de cotización”, nomeadamente as familias monoparentais.
Financiamento
dos gastos derivados desta situación extraordinaria
Paulo Carril
recoñeceu que esta situación e, nomeadamente as medidas propostas
pola CIG, xeran un importante gasto público. Por iso propuxo
financialo por dúas vías de execución imediata. Por unha banda
propuxo a aprobación urxente dun paquete de medidas fiscais, coa
creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e
os activos financeiros e a eliminación dos privilexios fiscais das
SICAV e grandes Empresas e, pola outra, demandou o desvío das
partidas destinadas aos gastos militares e da Casa Real nos
Orzamentos Xerais do Estado en vigor, nas contías necesarias para
afrontar este gasto público.

Ningún comentario:
Publicar un comentario