Paulo Carril: “É necesario dar máis
certeza na contía e na data de cobro das prestacións”
Á espera de revisar polo miúdo o
contido do decreto presentado hoxe en rolda de prensa tras do
Consello de Ministras e Ministros, a CIG considera que as medidas
contempladas, sendo un avance respecto do que había, seguen sendo
“tímidas modificacións ou ampliacións da cobertura necesaria nun
momento de emerxencia e de desprotección de amplos sectores da
sociedade e da clase traballadora”. Os mecanismos de protección
previstos neste Decreto son, “farragosos, escasos e dunha
burocracia que dificulta e mesmo impide a protección real as persoas
mais vulnerábeis”.
Utilización irregular das cotizacións
á Seguridade Social
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril
cualifica como “moi grave” que se cambie o uso dos cartos das
cotizacións da seguridade social destinados a formación, para
prestacións sociais e de desemprego, “en vez de conseguir
financiamento publico, vía impositiva, ás grandes fortunas, ás
grandes empresas ou a través da intervención pública de sectores
estratéxicos da economía hoxe en mans privadas (a banca, as brandes
eléctricas…)”.
Asegura que “hoxe máis que nunca fan
falta políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor
das maiorías sociais, pero cun financiamento que non parta dos
propios traballadores e traballadoras”.
Neste sentido considera que “é
necesario dar certeza na contía e na data de cobro das prestacións”
e respecto dos “cantos” que se fan aos ERTES como saída idónea
ás propostas que se fan, cuestiona que non vaian á retroactividade
“para que todos os traballadores e traballadoras estean nas mesmas
condicións á hora de poder buscar que as compensacións sexan en
igual medida para o conxunto da clase traballadora”.
A este respecto sinala que “non pode
ser que as empregadas do fogar, que xa cobran uns salarios
miserentos, se lles fale dunha renda tan cativa como compensación á
paralización da actividade”. Como tampouco pode ser, para o
secretario xeral da CIG, “que se fale dunha contía que é menor ao
subsidio, para aquelas persoas despedidas que non teñen desemprego,
cando o normal sería que se se prohibe o despedimento, fosen
incorporadas -no mellor dos casos- aos ERTES e á posibilidade de ter
as mesmas condicións que outras traballadoras/es”.
“Por que non se recoñece as mesmas
medidas para estas persoas traballadoras, evitando situacións
discriminatorias?”, pregúntase.
Para Carril, de terse aplicado, como
propuxo a CIG desde o primeiro día, un permiso retribuído para
cumprir un deber inescusábel e creado un fondo público de
compensación para as empresas, a solución sería máis xusta para a
maioría social e evitaríase o actual caos.
Fronte a isto, sinala que o goberno vai
aprobando decretos sucesivos nos que se van corrixindo a si mesmos,
polo que “ao final, estamos falando dunha sucesión de parches,
cando o que precisamos son medidas máis globais e con alternativas
máis amplas para o conxunto da clase traballadora”.
A isto engade que o “sálvase quen
poida” que fai a UE, constatándose que non hai unha Europa Social,
“tamén se practica polo Goberno español”.
Necesidade dun amplo e real plan
de choque social
Esta reivindicación da CIG segue sendo
unha necesidade porque non se dá unha alternativa, de forma xusta,
aos gastos que teñen que facer as familias. “A medida que eles dan
é complexa á hora de solucionar os pagos de alugueiros, de
hipotecas… cando aquí habería que ir polo camiño de que o estado
obrigara ás entidades financeiras e ás eléctricas a exonerar do
pago das hipotecas, dos alugueiros e dos recibos”.
O secretario xeral da CIG reitera que
as medidas que se aproban neste plan social “son insuficientes”
porque a solución “non pasa por medidas parciais que o que fan é
non unificar as accións sociais do goberno”.
O goberno non garante que pare todo
Paulo Carril cuestiona tamén o
incumprimento da exixencia inicial de que pare todo. Nese sentido
considera que “non é de recibo que se estea poñendo en entredito
e que o goberno se estea emendando a si mesmo pola presión das
grandes empresas que está levando a que se manteña a actividade
cando é máis que dubidoso que sexa servizos esenciais”.
Por iso insiste en que “a vida das
persoas e todos os esforzos por afrontar a emerxencia sanitaria é a
prioridade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario