Deste xeito garántense os empregos e o dereito á subrogación deste persoal
O Concello da Coruña trasladou na
reunión celebrada esta mañá coa representación do persoal que
presta o servizo de actividades deportivas municipais e coa CIG que
manterá a prórroga coa actual concesionaria, Amartya SL, até
licitar o novo prego de condicións que sacará, segundo afirmaron,
pola vía de urxencia. Deste xeito, garántese a continuidade dos
empregos (o Concello determinara a finalización do contrato a 30 de
xuño) e o seu dereito á subrogación na nova empresa.
Así mesmo, dende o Goberno local
abríronse a atender as demandas da parte social a respecto do
recoñecemento das categorías e a antigüidade, de maneira que o
próximo contrato recolla a realidade laboral do servizo. Neste
senso, Henrique García, da CIG-Ensino, explica que até agora nos
pregos só se facía referencia ás actividades nas escolas
deportivas municipais, cando na realidade este persoal ten unha carga
de traballo maior, xa que atende ás tarefas do servizo municipal de
deportes. "Unha realidade que non aparece reflectida no contrato
e que agardamos quede corrixida na futura licitación", valorou.
Emprazamento a unha nova reunión
García sinala que por parte do Goberno
local emprazaron a representación do persoal a outra xuntanza para o
vindeiro xoves, de carácter máis técnico, para concretar as
condicións dos/as 16 traballadores/as indefinidos/as e a carga de
traballo dos vindeiros meses. "Pedímoslle ao Concello que
procure atender as necesidades de actividades e rehabilitación que
os propios usuarios e usuarias nos están facendo chegar, pero a
Concellaría entende que non haberá carga de traballo para todo o
persoal, xa que a piscina está pechada por obras, polo que a
alternativa que se formula é negociar un ERTE coa empresa para unha
parte do persoal", apuntou.
En todo caso, con esta posibilidade
quedarían salvagardados os dereitos laborais e a subrogación, xa
que se mantería a relación laboral e se garantiría un complemento
do 100% dos salarios, así como computar a parte proporcional das
pagas extra e das vacacións". Para o resto do persoal
fixo-discontinuo mantéñense as condicións de maneira habitual.
Deste xeito, as protestas que o persoal
tiña previsto desenvolver esta semana fican definitivamente
suspendidas. Neste senso, a CIG destaca a unidade mantida polos
traballadores e as traballadoras para acadar os seus obxectivos
e a loita levada a cabo.
Dende o colectivo de traballadores e
traballadoras quixeron agradecer aos grupos da Corporación municipal
e aos usuarios e usuarias o apoio e solidariedade amosado coas súas
reivindicacións. E pídenlle tamén axilidade ao Concello na
resolución do contrato para dar seguridade ao emprego, mais tamén
para ofrecer ás coruñesas e coruñeses unhas actividades
deportivas, de ocio e tempo libre axeitadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario