06/07/20

Proposta da CIG sobre o posicionamento do Comité de Empresa ante a Relación de Postos de Traballo

Logo de solicitalo en varias ocasións, a CSIF vén de convocar a reunión ordinaria do Comité de Empresa e tratarase, entre outros puntos propostos pola CIG o posicionamento do Comité de Empresa sobre a Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos que vén de se aprobar incialmente.

A CIG presentaralle ao Pleno do Comité de Empresa a seguinte proposta para a súa aprobación e solicitará o apoio de CSIF e UGT:

PRIMEIRO. Que o Comité de Empresa presente alegacións á aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello de Betanzos, publicada no no Boletín Oficial da Provincia núm. 89, do 17 de xuño de 2020 e en virtude da exposición pública á que a relación de postos de traballo está sometida durante quince días e a apertura do prazo de reclamacións ante o pleno dende o día seguinte á súa publicación no BOP, durante o cal os interesados poderán presentar as alegacións que consideren oportunas.

SEGUNDO. Que fundamente as alegacións á aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo sobre a base de que é un documento excluínte e discriminatorio para o persoal laboral do Concello de Betanzos segundo o seguintes motivos:

  • A RPT elimina 68 postos de persoal laboral e amortízaos con respecto ás anteriores relacións de postos de traballo e cadros de persoal existentes.
  • A RPT incumpre o artigo 79 do Convenio colectivo do persoal laboral vixente.
  • A RPT exclúe do organigrama municipal á maior parte do persoal laboral, que fica fóra da estrutura organizativa.
  • A RPT incumpre varias sentenzas xudiciais do persoal laboral na creación dos postos.
  • A RPT rebaixa os grupos e categorías profesionais dos postos do persoal laboral actuais e recollidos no Convenio colectivo.
  • A RPT carece dun sistema de valoración dos postos de traballo equitativo entre o persoal laboral e o funcionariado e redunda nas discriminacións salariais actuais, nomeadamente do complemento de destino e do complemento específico.

TERCEIRO. Que a presidencia do Comité de Empresa realice as xestións oportunas para presentar estar alegacións en prazo, é dicir, antes do 9 de xullo de 2020.


Ningún comentario:

Publicar un comentario