29/10/18

Centos de persoas reclaman en Lugo a creación do cuarto xulgado do social

O colapso xudicial prexudica a clase obreira principalmente



Centos de persoas participaron na manifestación convocada pola Unión Comarcal da CIG para reclamar a creación inmediata do cuarto xulgado do social en Lugo. Baixo a consigna "colapso xudicial = abuso patronal", denunciouse que se están fixando para o ano 2021 xuízos por reclamacións de cantidades ou por incapacidade; e no caso dos despedimentos -que son expedientes rápidos- as datas máis próximas son para marzo de 2019.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, sinalou a discriminación que sofre á provincia en materia de administración de xustiza, xa que "en Lugo só contamos con tres xulgados do Social, mentres que unha provincia similar como a de Ourense, que ten 20.000 asalariados/as menos, dispón de catro".

Alertou que a demora na resolución dos asuntos se agravou nos últimos anos por mor das contrarreformas laborais, a precarización das condicións de traballo e os recortes e amortizacións na propia administración de xustiza. O deterioro é tal que os traballadores e as traballadoras de Lugo xa ven como algo normal ter que agardar dous anos por unha reclamación de cantidades ou para que se lle recoñeza unha incapacidade. "A xurisdición do social está para velar polo cumprimento dos dereitos laborais e quen acaba pagando este colapso xudicial é a clase traballadora", denunciou.

Neste senso, o secretario comarcal da CIG engadiu que as empresas se están aproveitando destes atrasos e teñen asumido como práctica habitual obviar as obrigas co seu persoal até que haxa resolución xudicial. "Isto provoca que as traballadoras e traballadores desistan de reclamar o que se por dereito lle corresponde", subliñou.

Unha necesidade inaprazábel

A Unión Comarcal da CIG leva anos demandando a creación dun cuarto xulgado do Social para Lugo e en 2016 puxera en marcha unha intensa campaña con este obxectivo. De cara a paliar a situación de atasco, durante un ano, a cidade contou cunha xuíza de reforzo, que foi cesada sen previo aviso, pero "este reforzo nunca foi unha alternativa que solucionara os problemas. O necesario é crear o cuarto xulgado e dotalo do persoal preciso", aseverou Niño.

O sindicalista criticou a falta de responsabilidade dos Gobernos español e galego por non ter iniciado o proceso para a creación do cuarto xulgado do social, "demostrando que están do lado dos intereses do capital e non da clase traballadora".

O último xulgado que se creou en Lugo foi no ano 2010, e foi o xulgado de vixilancia penitenciaria de Galiza. "Levamos 8 anos discriminados totalmente, e mentres aquí non se avanzaba nada, creáronse xulgados do social en Pontevedra, Santiago e Ourense", explicou. "Hai que darlle unha volta á xustiza do social e en xeneral a toda a administración de xustiza, á vista  dos escándalos que están protagonizando nos últimos tempos", concluíu Niño.


Primeira sentenza firme de indefinición

Logo desta nova, podemos informar de que xa hai unha primeira sentenza firme de indefinición para o persoal. Esta sentenza vén logo dunha demanda realizada para reclamar tal condición e supón que o goberno municipal xa ten que modificar a proposta de Relación de Postos de Traballo sobre a que se traballaba na novena Mesa de Negociación da RPT, que tivo lugar o pasado 20 de xullo de 2018.

A nova proposta que se entregue na vindeira reunión, que ata momento descoñecemos cando será, mais entendemos que non tardará moito, posto que a empresa contratada para este traballo finaliza o contrato a mediados do vindeiro ano e leva contratada desde comezos do ano 2017 para que sigamos sen RPT, ou peor, porque antes seica había unha e agora seica non hai ningunha; esa nova proposta deberá incluír o posto de traballo correspondente á sentenza, e, por tanto, un posto máis de persoal laboral.

Nos vindeiros meses é posible que cheguen máis sentenzas, e, de feito, xa hai algunha data de xuízo, así mesmo, moitos compañeiros e compañeiras xa interpuxeron as súas demandas e están á espera da data do xuízo.

O Concello responde á solicitude da CIG de Mesa Xeral de Negociación

Nun acto insólito e que se deu en moi contadas ocasións nestes sete anos que a CIG leva tendo representación sindical no Concello de Betanzos, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, respondeu a algunha das solicitudes que a CIG leva facendo estes meses, para que, entre outros temas se convoque a Mesa Xeral de Negociación.



No escrito, remitido o pasado 18 de outubro o concelleiro informa que en próximas datas sen definir convocarase a Mesa Xeral de Negociación para tratar diversos asuntos de importancia. Se ben dubidamos que estes asuntos sexan de importancia para o goberno municipal, tal e como indica o documento, porque do contrario estarían resoltos desde o pasado mes de xullo, si que o son para os traballadores e traballadoras deste Concello, toda vez que a Administración local leva meses facéndolle perder cartos ao persoal que está de baixa por non dar convocado a Mesa Xeral de Negociación para devolver as retribucións íntegras en casos de incapacidade temporal, que podiamos ter restituídas desde mediados do pasado mes de xullo.

Ademais, as estatísticas indican claramente que o maior número de baixas se produce nos servizos prestados por persoal laboral, que aínda por riba é o persoal que adoita ter os salarios máis baixos do Concello, situación que se agrava cando está de baixa e cobra menos porque o Concello leva meses adiando a restitución do cobro das retribucións íntegras nestas situacións. O feito de tardar máis de catro meses en devolverlle este dereito ao persoal do Concello de Betanzos, cando o goberno do Estado, o permite, desacredita a postura do goberno municipal que se ampara continuamente na lexislación estatal cando se trata de roubar dereitos mais non bule cando se trata de restituílos.

Caso a parte son as novas bases das axudas sociais, que xa incumpren os prazos marcados no convenio colectivo e deberían estar en vigor desde hai meses e coas que a CIG leva xa seis anos ás voltas, como primeiro sindicato que demandou unha axudas con criterios verdadeiramente sociais e non os lineais aplicados ata o momento, nas que todo o persoal recibe a mesma axuda, cando unha axuda social debe ser distribuída conforme a criterios sociais, do contrario é unha axuda, mais non é unha axuda social, nin axuda só ás rendas máis baixas.

Caso aparte é o tema da produtividade, que segundo informa Diego Fernández, tamén se vai tratar na Mesa Xeral de Negociación que está pendente. Vaise tratar agora que se soubo que o Concello a paga como e cando quere e sen negociar uns criterios, e agora que se desmontou o repetido e repetitivo argumento que lle repiten aos traballadores de que están coas mans atadas e non poden facer nada, porque cando queren fano, saltando por riba da negociación colectiva e do que faga falla. O caso é que mentres sigan adiando esta negociación van gastando os cartos da partida deste ano como lle vén en gana, discriminando ao persoal, e tomando decisións que repercuten claramente nos traballadores e traballadoras.

Ata o momento, o Concello, a pesar de que respondeu á solicitude de Mesa Xeral de Negociación, á CIG non lle achegou a copia do decreto ou decretos relacionados con este tema.

Así mesmo, dez días despois de recibir esta comunicación, aínda non está fixada unha data da reunión da Mesa Xeral de Negociación para tratar os temas que indica Diego Fernández.

Por outro lado, e logo da solicitude do Comité de Empresa do pasado 10 de outubro, solicitándolle ao Concello que cubrise as baixas do servizo de limpeza municipal, o Concello respondeu o que indica o documento de abaixo, e dez días despois da resposta, e mais dun mes e medio despois da baixa, o Concello segue sen cubrila.

10/10/18

O Concello adxudícalle unha produtividade a persoal funcionario sen negociar os criterios do reparto desta partida orzamentaria na Mesa Xeral de Negociación, tal e como procede.

A CIG vén de rexistrar hoxe mesmo a través da sede electrónica unha petición para que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para negociar os criterios de reparto da produtividade, cuxa partida orzamentaria é de 10 000 euros, tal e como indica o RD 361/86 e lémbralle que non só procede a negociación dos criterios de reparto cos representantes dos traballadores, senón tamén a aprobación plenaria, para que poida pagar produtividades.

Non é a primeira vez que a CIG deixa patente que é necesario regular esta partida que o Concello aforra ano tras ano, mais desde a CIG consideramos inaceptable que en pleno suposto proceso de negociación dunha Relación de Postos de Traballo o goberno municipal do PSOE lle suba o salario a algún persoal en concreto pola vía da produtividade, cando os criterios de reparto desta non están acordados, consensuados, nin son de coñecemento público.

A CIG non só lle solicitou que lle notifique de inmediato calquera decreto de reparto de produtividade, senón que declare nula a asignación deste complemento por decreto que se puidese ter feito ata este momento sen telo negociado previamente cos representantes dos traballadores, e, así mesmo, solicitou que o Concello reúna a Mesa Xeral de Negociación para a negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade e, por tanto, da partida orzamentaria correspondente que ata o momento non foi regulada.

Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos consideramos gravísimo este novo paso do goberno municipal que vulnera todo principio de negociación colectiva e beneficia a algún persoal en concreto, tal e como se ten feito en tantas ocasións historicamente neste Concello, agravando as discriminacións salariais existentes e botando por terra todo o que teñen dito nos meses anteriores de negociación da Relación de Postos de Traballo, que predicaban que esta nova etapa tentaba tratar por igual ao persoal, a pesar de que a proposta que poñían enriba da mesa seguía discriminando aos escasos postos de persoal laboral que finalmente formaban parte da proposta de RPT do Concello.

Así mesmo, e logo das consultas correspondentes, realizamos esta solicitude coa esperanza de que o Concello convoque a Mesa Xeral e recúe neste paso dado claramente en falso, mais de non ser así teremos que recorrer a outras vías para reclamar o dereito de negociación do complemento de produtividade que vén claramente regulado como de obrigatoria negociación. Entendemos que se o Concello non recúa cómpre tomar medidas porque o pagamento de produtividades sen criterios regulados e aprobados pode ser unha nova vía do goberno para subir salarios temporalmente (polo momento) de xeito individual a determinados traballadores e sen que isto sexa de coñecemento público, incorrendo, por tanto, en discriminacións entre o persoal, que veñen sendo a base da política municipal de persoal na historia deste Concello mais que parecían desterradas ata esa nova decisión de vulnerar a negociación colectiva.

A Sección sindical da CIG rexistrou na sede electrónica a devandita solicitude que indica o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO. Que temos coñecemento da existencia dun decreto de asignación dun complemento de produtividade a persoal funcionario sen que existan uns criterios de asignación do complemento de produtividade nin da partida orzamentaria correspondente para ese tipo de retribución.

SEGUNDO. Que os criterios de reparto da produtividade deben ser obxecto de negociación da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Betanzos que en ningún momento se reuniu para estes efectos, ou se así foi, este sindicato, como sindicato que forma parte do devandito organismo de negociación colectiva non foi convocado para esta negociación.

TERCEIRO. Que tal e como indica o RD 861/86 os criterios para determinar as cantidades para aboar en concepto de produtividade deben ser negociados cos representantes dos traballadores e aprobados, con posterioridade, polo Pleno da corporación.


Por isto, SOLICITO:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para a negociación dos criterios de reparto do complemento de produtividade e, por tanto, da partida orzamentaria correspondente que ata o momento non foi regulada.

SEGUNDO. Que se declare nula a asignación do complemento de produtividade mencionado por carecer de criterios e de negociación destes, toda vez que prexudica os intereses do resto do persoal do Concello de Betanzos, posto que hai unha contía nos orzamentos asignadas para este complemento de produtividade e o reparto debería facerse con criterios negociados, e en igualdade de condicións para a totalidade do persoal do Concello de Betanzos.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos non incumpra as obrigas de negociación coa representación sindical ao abeiro da lexislación aplicable, así como a obriga de transparencia nas materias que deben ser obxecto de negociación colectiva e que cese de inmediato con esta práctica, desde o noso punto de vista irregular, do reparto da produtividade.

CUARTO. Que o Concello de Betanzos, no seu deber de información aos representantes dos traballadores, nos notifique calquera decreto de asignación do complemento de produtividade posto que a nosa obriga é informar ao persoal sobre calquera cuestión relativa ás retribucións do persoal deste Concello, así como os criterios e os repartos que se fan das partidas orzamentarias destinadas ás retribucións do persoal laboral e do funcionariado.

O goberno municipal teima en non cubrir as baixas de limpeza e degradar os servizos públicos

Como vén sendo costume e logo das múltiples privatizacións que levan anos destruíndo emprego público no Concello de Betanzos, o goberno municipal teima en non cubrir as baixas do servizo de limpeza de edificios e continuar coa estratexia de degradación dos servizos públicos municipais en favor da privatización destes, nalgúns casos a través dun contrato público, como o caso da limpeza dos centros educativos e noutros casos sen tal, como é o caso da limpeza de rúas cuxas xubilacións e baixas son cubertas por persoal de empresas que descoñecemos como foron contratadas.

O mantemento do servizo de limpeza municipal sempre foi unha das grandes loitas deste Comité de Empresa ante un Concello que ano a ano elimina postos de empregados públicos en favor de empresas privadas, sempre como abandeirado dunha lexislación estatal que din que non permite novas contratacións nin cobertura de xubilacións, agás, por suposto, cando se trata de postos que realmente lle interesan e entón demostran que si que se pode contratar.

O Comité de Empresa trasladoulle unha solicitude no rexistro telemático de cobertura das baixas de limpeza de edificios e indicoulle o seguinte:

 COMUNÍCOLLE:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos ten vixente una listaxe de substitución para o persoal de limpeza de edificios municipais.

SEGUNDO. Que na actualidade o servizo de limpeza de edificios municipal ten varias baixas, desde hai varios días sen cubrir e debe proceder a cubrir de inmediato e canto antes posto que esta situación, tal e como temos reiterado en anteriores ocasións repercute gravemente na saúde do cada vez máis escaso persoal que ten que asumir o traballo do persoal de baixa e as xubilacións non cubertas polo Concello.

TERCEIRO. Que este Comité de Empresa rexeita complementamente o proceso de privatización do servizo de limpeza municipal que o goberno municipal emprendeu hai xa varios anos e solicítalle que cubra os postos necesarios para que os servizos do Concello de Betanzos sigan sendo públicos e de calidade.

CUARTO. Así mesmo, e nos casos en que se produciu a privatización do servizo, coma na limpeza do CEIP Francisco Vales Villamarín, e esta privatización supuxo unha reordenación dos efectivos, dando lugar a que dúas traballadoras ficasen na limpeza do centro de ensino e outras dúas fosen desprazadas a outros centros de traballo, advírtelle que isto podería supor unha discriminación na redistribución do persoal, así como a posibilidade de cometer fraude de lei no caso de que o persoal de limpeza da empresa contratada polo Concello e o persoal municipal realicen as mesmas funcións no mesmo lugar de traballo e ao mesmo tempo.

QUINTO. Finalmente, que outro dos centros que na actualidade é responsabilidade na limpeza da empresa contratada para tal fin, como é o Centro Cultural San Domingos, na actualidade, e segundo nos indicaron, ten unha frecuencia na limpeza moi inferior á que tiña cando o persoal municipal era o que limpaba esas dependencias.

Tendo, pois, en conta todo o sinalado, solicitámoslle ao Concello que cubra de inmediato todas as baixas para ofrecer o servizo en condicións óptimas e con traballadores e traballadoras públicas. Así mesmo, que o Concello lle comunique ao Comité de Empresa os criterios de redistribución do persoal de limpeza municipal que repercutiron nun trato diferente entre persoal que traballaba no mesmo centro e, finalmente, transmitímoslle a queixa pola baixada da frecuencia na limpeza do Centro Cultural San Domingos desde que a empresa de limpeza privada realiza estes traballos nas mencionadas dependencias municipais.

O Concello de Betanzos descolga do convenio colectivo a máis de vinte traballadores e traballadoras

Tal e como aconteceu o ano pasado, o Concello de Betanzos descolga máis de vinte contratos de persoal laboral do profesorado, o persoal administrativo e o alumnado do Obradoiro Obradoiro de emprego “Emprendemento xuvenil”, especialidade promoción turística local e información ao visitante.

Con estes contratos que non fan ningunha referencia ao convenio colectivo non só lles impón unha xornada laboral semanal superior á do resto do persoal laboral senón que tamén unha retribución inferiores ao resto do persoal do mesmo grupo profesional.

O goberno municipal con este feito decide unilateralmente descolgar a 26 traballadores do convenio colectivo vixente. Tomou esta decisión a pesar de que o ano pasado, o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández lle asegurara aos representantes do Comité de Empresa nunha reunión que habería que buscar unha solución a este problema na Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio Colectivo.

O Comité de Empresa amosou a súa disconformidade cos contratos mencionados polo descolgue das condicións laborais do convenio colectivo vixente e lembroulle ao Concello que esta situación podería dar lugar a reclamacións por parte dos traballadores afectados nun escrito rexistrado telematicamente e que indicaba o seguinte:

EXPOÑEMOS:

PRIMEIRO. Que hai uns días o Concello entregounos copias dos contratos dun Obradoiro de emprego “Emprendemento xuvenil”, especialidade promoción turística local e información ao visitante.

SEGUNDO. Que o Comité de Empresa do Concello de Betanzos amosou a súa disconformidade nos devanditos contratos porque nin as retribucións nin as condicións laborais indica que se rexen polo convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos en vigor desde o pasado 7 de abril e este convenio colectivo indica expresamente o seguinte no capítulo I de disposicións xerais:

“Artigo 1.º Ámbito territorial.

Este Convenio Colectivo será de aplicación no Concello de Betanzos que o asume na súa totalidade, tras a negociación colectiva ao nivel correspondente.

Artigo 2.º Ámbito funcional.

Inclúese expresamente a totalidade dos entes e organismos públicos que formen, ou poidan formar, parte do Concello de Betanzos. En calquera caso, a extensión do eido funcional do presente Convenio ao entes ou organismos autónomos que poidan xurdir, tras a entrada en vigor do presente Convenio, será obxecto de estudo no seo da súa Comisión Paritaria Mixta de Seguimento e Control

Artigo 3.º Ámbito persoal.

O Convenio colectivo aplicarase a todo persoal laboral que preste servizos no Concello de Betanzos, en todo aquilo que sexa compatible coa natureza da súa relación de emprego.”

TERCEIRO. Por tanto, tendo en conta ámbito territorial, funcional e persoal do convenio os contratos achegados incumpren e superan a xornada máxima anual acordada no convenio indicando e supoñen unha discriminación manifesta con respecto ao resto do persoal laboral do Concello que podería supór as reclamacións oportunas por parte dos traballadores afectados.

CUARTO. Así mesmo, observamos que as retribucións non se corresponden coas recollidas no Anexo IV do convenio colectivo do persoal laboral, o que supón outro incumprimento e descolgue do convenio colectivo, así como unha discriminación manifesta con respecto ao resto do persoal laboral do Concello que podería supór as reclamacións oportunas por parte dos traballadores afectados.

QUINTO Que a Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento do convenio colectivo é o organismo encargado de vixiar o cumprimento do pactado, e denunciar, de ser o caso, os incumprimentos observados, mais na última reunión do organismo o goberno municipal non manifestou nada con respecto a estas pretensións.

Por todo isto, SOLICITAMOS:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos modifique de inmediato os contratos sinalados para a súa inclusión na totalidade dos seus termos no ámbito de aplicación do convenio colectivo en vigor, tanto no relativo ás retribucións como ás condicións laborais do persoal laboral contratado.

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos deixe de tomar decisións sobre temas laborais que van en contra do aprobado e acordado no Convenio colectivo do persoal laboral, un proceso que durou anos de negociación e no que o Concello nunca fixo ningún tipo de proposta para a exclusión nin de parte nin de todos os termos do que se estaba a negociar no devandito convenio.

A CIG reitera a solicitude da información das gratificacións do funcionariado, que o Concello de Betanzos leva varios anos negándolle

A CIG reiteroulle ao Concello a solicitude sobre as gratificacións do funcionariado que o Concello lle leva anos negando nunha clara postura de ocultismo de información e que contrasta coa prédica que fai da transparencia.

A solicitude que se rexistrou telematicamente indica o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

Que como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeral de Negociación solicito a información correspondente ás gratificacións pagadas ao persoal funcionario no ano 2018 e con cargo á partida orzamentaria correspondente ao abeiro da Lei da 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e bo Goberno.

Esta solicitude faise atendendo especialmente ao artigo 2, do ámbito de aplicación, que comprende as entidades que integran a Administración local, ao artigo 12 de dereito de acceso á información públicas e tendo en conta que a información solicitada non está comprendida en ningún dos supostos de límites ao dereito de acceso recollidos no artigo 14 da mencionada Lei.

Igualmente, solicitamos esta información de cara a dispor de toda a información necesaria para poder tomarmos decisións na Mesa Xeral de Funcionarios e contarmos como sindicato que forma parte do devandito órgano de negociación colectiva coa información relativa ás retribucións correspondentes ao persoal funcionario desta Administración local, sempre atendendo ao cumprimento da Lei orgánica 5/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e co sixilo que proceda nestes casos.

Esta solicitude para o exercicio do dereito de acceso á información faise ao abeiro do 17 da mencionada Lei da 19/2013 e cumpre os requisitos indicados no punto 2 deste artigo.

Así mesmo, esta solicitude é unha reiteración da realizada o 12 de xullo de 2018, á vista de que non foi contestada e entendemos denegada tacitamente deixando aberta a vía contencioso-administrativa.

O conselleiro delegado, o encargado e o xefe de produción dunha empresa agrícola, condenados tras un accidente de traballo


O Xulgado do Penal Tres de Albacete condenou a tres homes como responsables dun delito contra os dereitos dos traballadores, a unha pena de seis meses de prisión e multa de 2.400 euros cada un deles, así como por un delito de lesións imprudentes a outros seis meses de cárcere. Así mesmo, deberán indemnizar ao traballador accidentado con 110.000 euros. A sentenza suspende polo prazo de dous anos a execución das penas de 12 meses de prisión dos tres condenados, quedando condicionada a que os penados non volvan delinquir no prazo indicado.

A sentenza declara como probado que un dos condenados, conselleiro delegado dunha empresa hortícola e representante legal da mesma, dirixía e coñecía as condicións en que se desenvolvían as tarefas que se desempeñaban nas instalacións da devandita empresa polos traballadores ao seu servizo, ademais de figurar como a persoa encargada da supervisión e control das medidas preventivas. Un segundo condenado era o encargado da empresa na data dos feitos, enxeñeiro da mesma e xefe de produción, quen decidía os labores para realizar diariamente, aínda que segundo a sentenza  podía delegar noutro dos acusados ou valerse del para transmitir as ordes aos traballadores, sendo este o terceiro condenado, que tiña facultades para ordenar e organizar os traballos que se destinaban aos mesmos.

Sinala a sentenza que no organigrama da empresa e no seu funcionamento habitual o primeiro dos condenados “impartía ordes ao segundo e este, á súa vez, ademais de decidir as tarefas diarias que debían realizarse, facía o propio ou transmitía aquelas instrucións ao terceiro condenado, sendo os tres coñecedores de cal era o procedemento habitual para reparar os danos nos plásticos dos invernadoiros”. Así, o 6 de novembro de 2013 sobre as 09:15 horas o traballador accidentado, quen prestaba servizos para a empresa como peón agrícola, xunto con outros traballadores que estaban a realizar o seu labor nas mesmas condicións que o accidentado, “con grave perigo para a súa vida por causa das precarias condicións de seguridade en que desempeñaban o seu labor, estaba a desempeñar as funcións para as cales fora seleccionado polo terceiro condenado, o cal á súa vez recibira instrucións para que se desenvolvesen os traballos en que tivo lugar o accidente por parte do primeiro coacusado” no seu centro de traballo.

O traballador, dita a sentenza, no momento dos feitos estaba a repoñer unha parte do plástico do teito do invernadoiro, “fixando o plástico á estrutura metálica do invernadoiro, o cal estaba deteriorado, para o que accedera, xunto con outros dous traballadores, á cuberta do invernadoiro a través dunha estada que permitía os traballadores apoiarse sobre os canlóns instalados ao longo de cada un dos lados e, unha vez no canlón, colocábanse dúas escaleiras semicirculares de fabricación caseira, unha a cada lado, nese momento, o traballador caeu da escaleira sobre o plástico que constitúe o teito do invernadoiro rompendo o mesmo caendo ao interior do invernadoiro desde unha altura de 3,50 metros, impactando contra o chan”. Sinala ademais a sentenza que para levar a cabo os traballos de reparación relativos á reposición dos plásticos das cubertas dos invernadoiros os traballadores non dispoñían de protección individual ou colectiva.



Unha empresa, logo de probar a semana laboral de catro días, adopta este horario para sempre


Unha empresa neozelandesa dedicada á xestión de patrimonio realizou unha proba cos seus 240 empregados durante os meses de marzo e abril; durante ese tempo reduciron a catro días a súa semana laboral pero gañando o mesmo que se traballasen cinco días. Tras asegurar que o experimento foi un éxito, a empresa decidiu implantar o novo horario de maneira definitiva.

A proba amosou que o 78% de empregados/as senten unha maior conciliación entre a súa vida laboral e persoal reducindo a xornada a catro días pero cobrando coma se traballasen cinco. Ademais, os resultados amosan unha menor tensión no persoal e unha maior satisfacción.

O obxectivo do fundador da empresa foi que os seus empregados/as tivesen un mellor equilibrio entre a súa vida profesional e persoal. O día extra permite poñer en orde as xestións persoais e tarefas domésticas, sen preocuparse de encaixalo durante a semana laboral, o que favorece centrarse máis no traballo mentres están na oficina.

Os resultados deste experimento concluíron que hai un aumento de satisfacción tanto nas súas casas como no seu posto de traballo. Así as respostas positivas en relación ao grao de satisfacción co traballo incrementáronse un 24% respecto de meses anteriores; o nivel de tensión do persoal baixou un 7% e mellorou a estimulación, o compromiso e o sentido da responsabilidade dos empregados.

Coincidindo coa proba de cambio horario, tamén se realizaron axustes organizativos; así por exemplo, as reunións que se alongaban unhas dúas horas agora axústanse a 20 minutos. Á vez, observouse que os momentos de charla entre os empregados/as na cafetería reducíronse notablemente, así como a necesidade de tomar descansos máis longos.

O horario non será obrigatorio e só o terán os empregados que desexen.

Máis info en www.cigsaudelaboral.org.


Plan de emerxencia e evacuación do edificio Liceo

Froito dunha denuncia na Inspección de Traballo dos delegados de prevención da CIG do ano pasado. A inspección provincial requiriulle ao Concello a elaboración dun Plan de emerxencia e evacuación dos diferentes edificios municipais, a comezar polo edificio Liceo.

Logo doutras denuncias na Inspección de 2018, a Inspección retomou este tema e o Concello tivo que elaborar e enviarlle o devandito Plan de emerxencia e evacuación, que tamén lle facilitou aos delegados de prevención o pasado 1 de outubro.

Os delegados de prevención da CIG vimos de lle solicitar ao Concello de Betanzos que difunda este plan entre o persoal, así como as persoas que foron nomeadas responsables de executalo, tanto no caso dos simulacros, coma en situacións reais, para o coñecemento de todos os traballadores e traballadoras que prestan servizos neste edificio.

As persoas nomeadas están pendentes da formación correspondente, que realizará o Servizo de Prevención Alleo, e, así mesmo, proximamente realizarase o primeiro simulacro.

Medidas de emerxencia e evacuación do edificio Liceo