10/10/18

A CIG reitera a solicitude da información das gratificacións do funcionariado, que o Concello de Betanzos leva varios anos negándolle

A CIG reiteroulle ao Concello a solicitude sobre as gratificacións do funcionariado que o Concello lle leva anos negando nunha clara postura de ocultismo de información e que contrasta coa prédica que fai da transparencia.

A solicitude que se rexistrou telematicamente indica o seguinte:

COMUNÍCOLLE:

Que como sindicato maioritario con representación na Mesa Xeral de Negociación solicito a información correspondente ás gratificacións pagadas ao persoal funcionario no ano 2018 e con cargo á partida orzamentaria correspondente ao abeiro da Lei da 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e bo Goberno.

Esta solicitude faise atendendo especialmente ao artigo 2, do ámbito de aplicación, que comprende as entidades que integran a Administración local, ao artigo 12 de dereito de acceso á información públicas e tendo en conta que a información solicitada non está comprendida en ningún dos supostos de límites ao dereito de acceso recollidos no artigo 14 da mencionada Lei.

Igualmente, solicitamos esta información de cara a dispor de toda a información necesaria para poder tomarmos decisións na Mesa Xeral de Funcionarios e contarmos como sindicato que forma parte do devandito órgano de negociación colectiva coa información relativa ás retribucións correspondentes ao persoal funcionario desta Administración local, sempre atendendo ao cumprimento da Lei orgánica 5/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e co sixilo que proceda nestes casos.

Esta solicitude para o exercicio do dereito de acceso á información faise ao abeiro do 17 da mencionada Lei da 19/2013 e cumpre os requisitos indicados no punto 2 deste artigo.

Así mesmo, esta solicitude é unha reiteración da realizada o 12 de xullo de 2018, á vista de que non foi contestada e entendemos denegada tacitamente deixando aberta a vía contencioso-administrativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario