O
Xulgado do Penal Tres de Albacete condenou a tres homes como
responsables dun delito contra os dereitos dos traballadores, a unha
pena de seis meses de prisión e multa de 2.400 euros cada un deles,
así como por un delito de lesións imprudentes a outros seis meses
de cárcere. Así mesmo, deberán indemnizar ao traballador
accidentado con 110.000 euros. A sentenza suspende polo prazo de dous
anos a execución das penas de 12 meses de prisión dos tres
condenados, quedando condicionada a que os penados non volvan
delinquir no prazo indicado.
A
sentenza declara como probado que un dos condenados, conselleiro
delegado dunha empresa hortícola e representante legal da mesma,
dirixía e coñecía as condicións en que se desenvolvían as
tarefas que se desempeñaban nas instalacións da devandita empresa
polos traballadores ao seu servizo, ademais de figurar como a persoa
encargada da supervisión e control das medidas preventivas. Un
segundo condenado era o encargado da empresa na data dos feitos,
enxeñeiro da mesma e xefe de produción, quen decidía os labores
para realizar diariamente, aínda que segundo a sentenza podía
delegar noutro dos acusados ou valerse del para transmitir as ordes
aos traballadores, sendo este o terceiro condenado, que tiña
facultades para ordenar e organizar os traballos que se destinaban
aos mesmos.
Sinala
a sentenza que no organigrama da empresa e no seu funcionamento
habitual o primeiro dos condenados “impartía ordes ao segundo e
este, á súa vez, ademais de decidir as tarefas diarias que debían
realizarse, facía o propio ou transmitía aquelas instrucións ao
terceiro condenado, sendo os tres coñecedores de cal era o
procedemento habitual para reparar os danos nos plásticos dos
invernadoiros”. Así, o 6 de novembro de 2013 sobre as 09:15 horas
o traballador accidentado, quen prestaba servizos para a empresa como
peón agrícola, xunto con outros traballadores que estaban a
realizar o seu labor nas mesmas condicións que o accidentado, “con
grave perigo para a súa vida por causa das precarias condicións de
seguridade en que desempeñaban o seu labor, estaba a desempeñar as
funcións para as cales fora seleccionado polo terceiro condenado, o
cal á súa vez recibira instrucións para que se desenvolvesen os
traballos en que tivo lugar o accidente por parte do primeiro
coacusado” no seu centro de traballo.
O
traballador, dita a sentenza, no momento dos feitos estaba a repoñer
unha parte do plástico do teito do invernadoiro, “fixando o
plástico á estrutura metálica do invernadoiro, o cal estaba
deteriorado, para o que accedera, xunto con outros dous
traballadores, á cuberta do invernadoiro a través dunha estada que
permitía os traballadores apoiarse sobre os canlóns instalados ao
longo de cada un dos lados e, unha vez no canlón, colocábanse dúas
escaleiras semicirculares de fabricación caseira, unha a cada lado,
nese momento, o traballador caeu da escaleira sobre o plástico que
constitúe o teito do invernadoiro rompendo o mesmo caendo ao
interior do invernadoiro desde unha altura de 3,50 metros, impactando
contra o chan”. Sinala ademais a sentenza que para levar a cabo os
traballos de reparación relativos á reposición dos plásticos das
cubertas dos invernadoiros os traballadores non dispoñían de
protección individual ou colectiva.
Fonte:
eldigitaldealbacete
Ningún comentario:
Publicar un comentario